Novo pau xudicial á política eólica da Xunta: o TSXG suspende cautelarmente o parque Bustelo

Este é o segundo parque eólico de Greenalia que o TSXG paraliza cautelarmente dos tres que foron recorridos este ano en vía contenciosa-administrativa por ADEGA e a PDCC.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/10/2022 | Actualizada ás 14:36

Comparte esta noticia

En apenas quince días, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de paralizar cautelarmente dous proxectos eólicos autorizados pola Xunta e promovidos por Greenalia, de cuxo Consello de Administración forma parte como Conselleira Executiva a ex-conselleira de Medio Ambiente no goberno de Núñez Feijóo, Beatriz Mato.

Zonas de afección do parque eólico  Bustelo – Campelo – Monte Toural
Zonas de afección do parque eólico Bustelo – Campelo – Monte Toural

A sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG, por medio de Auto de

data 6 de outubro, vén de acoller a pretensión de ADEGA e da PDCC de suspender cautelarmente a Resolución do 28 de xuño de 2021 da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, da Xunta de Galicia, pola que se outorgaron as autorizacións administrativas previa e de construción e se declarou a utilidade pública do proxecto do parque eólico Bustelo, sito nos municipios de Carballo e Coristanco e promovido pola sociedade Greenalia Wind Power Bustelo, S.L.

As autorizacións administrativas relativas ao proxecto eólico Bustelo, así como as outorgadas para a construción dos parques eólicos Campelo e Monte Toural, igualmente promovidos por

Greenalia, foron obxecto de impugnación a finais do mes de xaneiro perante o Tribunal Superior de Xustiza por parte de ADEGA e da Plataforma para la Defensa da Cordillera Cantábrica (PDCC). En concreto, solicitouse nos tres casos a adopción da medida cautelar de suspensión da execución dos correspondentes acordos. Os tres recursos foron interpostos con cargo ao Fondo para a Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica (FDXCC). Con esta, xa son dúas as paralizacións cautelares de proxectos eólicos conqueridas grazas á campaña de micromecenado impulsada por seis asociación. 

O Auto de 6 de outubro reitera os argumentos xa esgrimidos con relación ao outorgamento da medida de suspensión cautelar do parque eólico Campelo, e rexeita unha vez máis as alegacións da Xunta e de Greenalia. ADEGA e a PDCC impugnaron xudicialmente os tres parques eólicos de Greenalia ao fundamentarse na concorrencia da fragmentación artificial dos proxectos, contraria ao dereito comunitario; nas irregularidades en canto ao desenvolvemento dos trámites de información pública dos proxectos, reducidos a quince días e nos que non se puxeron a dispor da cidadanía os informes sectoriais correspondentes; e na súa incompatilidade coa preservación ambiental.

20.000 EUROS DE CAUCIÓN

Porén, a efectividade da medida cautelar de suspensión da Resolución do 28 de xuño pola

que a Xunta autorizou o parque eólico Bustelo está condicionada ao depósito dunha garantía de 10.000 euros por parte das entidades recorrentes, no breve prazo de 15 días. O Tribunal xustifica esta esixencia de caución para "responder dos prexuízos de calquera

natureza que puidesen derivarse da medida cautelar". Deste xeito, ADEGA e PDCC vense obrigadas a dispoñer a curto prazo de 20.000 euros para poder facer fronte á imposición das caucións ás que se condicionan ambas medidas cautelares de paralización dos parques eólicos Campelo e Bustelo.

Neste senso, as entidades recorrentes iniciarían esta semana unha campaña de recadación colectiva solidaria para poder facer fronte á imposición destas dúas caucións e conquerir

así, no prazo requirido, a paralización efectiva dos dous proxectos eólicos de Greenalia. Paralelamente, iniciarase unha xeira de mesas informativas nas zonas afectadas polos tres

proxectos eólicos recorridos de Greenalia que comezará o próximo xoves, 20 de outubro,

en Santa Comba. O acto informativo, titulado “Como paralos?!”, convocado por ADEGA e a

Plataforma non eólicos Bustelo-Campelo-Monte Toural, estará dirixido ao público xeral con

especial atención á veciñanza directamente afectadas. Comezará ás 20:30 horas no Edificio multiusos Terras do Xallas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta