Máis de un milleiro de persoas recollen unha tonelada de lixo das praias galegas

Fixérono no marco da undécima edición da Limpeza Simultánea de Praias, coordinada por ADEGA.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/10/2022 | Actualizada ás 16:56

Comparte esta noticia

A pasada fin de semana, máis de 30 entidades e máis de 1000 persoas sumaron os seus esforzos ao longo do litoral galego para limpar as praias e denunciar a problemática ambiental do lixo mariño.

Recollida de lixo nas praias organizada por Adega
Recollida de lixo nas praias organizada por Adega | Fonte: ADEGA

Nesta undécima edición da Limpeza Simultánea de Praias retirouse, en total, case unha tonelada de lixo dos areais. Aínda que o tempo non acompañou, non foi impedimento para a maioría das persoas voluntarias realizaran a acción, aínda que algunhas foron canceladas e intentarán facelo ao longo desta semana. 

Na actividade, coordinada por ADEGA, participaron centros de ensino, asociacións, escolas de surf, particulares de todo o territorio galego, que traballaron de xeito organizado na praia elixida por eles mesmos. De entre o lixo retirado, tiveron moita presenza as cabichas, os pauciños dos ouvido, algunhas máscaras e, como vén sendo habitual, restos plásticos. Ademais, adoitan aparecer residuos menos convencionais como calzado, traxes de baño, bidóns antigos, garfos... 

Con este tipo de accións, a organización pretende poñer o foco sobre a problemática dos residuos nos areais despois da tempada turista, así como a importancia de conservar as praias libres de lixo para evitar que acabe no mar. Ademais, ADEGA incide en que as limpezas de praias "non deben de ser feitos illados", e convida a calquera persoa a recoller o lixo do litoral sempre que poida e de xeito manual, "respectando os ecosistemas dunares, e tendo especial coidado coa fauna e flora que nelas habita".

ADEGA "agradece enormemente a participación de todas as persoas que organizaron e participaron como voluntarias en todas as limpezas", recolle nun comunicado.

XI Limpeza Simultánea de Praias organizada por Adega.. ADEGA
XI Limpeza Simultánea de Praias organizada por Adega.. ADEGA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta