Terceira vitoria consecutiva

O Santiago Futsal gaña 5-2 ao Uruguay Tenerife, tras pasar apuros na primeira metade pero sendo moi superior na segunda. A vindeira cita, en Xaén.

Por gcdeportes | Compostela | 18/10/2014 | Actualizada ás 09:58

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Santiago Futsal 5:
Iker López, Borja, Hugo, Iván Rumbo e Dani Chino --cinco inicial-- Lucas Bolo, Chus, Gallego, Tallón, Kike e Santi.
Uruguay Tenerife 2: Iago Barro, Ayose, Pablo, Javi Rodríguez e Carlos Corvo –cinco inicial-- Luis Jara, Josué Cancio, Lolo Suazo, Jacinto Delgado e Pedro Toro.
Goles: 1-0: Ayose, en propia meta (5’). 1-1: Lolo Suazo (12). 2-1: Chus (13’). 3-1: Lucas Bolo (21’). 4-1: Iván Rumbo (29’). 5-1: Borja (36’). 5-2: Carlos Corvo (38’).
Árbitros: Lumbreras González e Lope Díaz. Amarelas a Hugo Sánchez no Santiago Futsal e a Lolo Suazo e Luis Jara no Uruguay Tenerife.
Incidencias: partido da 6ª xornada da LNFS no Fontes do Sar ante 1.000 persoas.

Remate lonxano de Chus.
Remate lonxano de Chus. | Fonte: @SantiagoFutsal

Lonxe quedan as dúbidas do arrinque, con tres derrotas seguidas. Agora van xa tres vitorias consecutivas, esta última 5-2 co Uruguay Tenerife, cun gran segundo tempo no que o Santiago Futsal, segundo Santi Valladares, foi o equipo de sempre: intenso coma poucos.

O partido foi aberto no principio, con chegadas nas dúas áreas: Carlos Corvo para os visitantes, Iván Rumbo e Hugo nos locais. Non tardou o primeiro gol, tras un tiro de Gallego que petou en Ayose. Os de Francis Arocas foron a polo empate, que chegaría no minuto 12, obra do pichichi Lolo Suazo. Pero só un minuto despois, Chus marcou de xogada individual cun tiro dende fóra da área o 2-1 co que se chegou ao descanso.

Nada máis voltar ao campo, Lucas Bolo fixo o 3-1, resultado que deu tranquilidade ao Santiago Futsal, que se fixo co dominio do xogo e creaba ocasións de perigo. No 29’, Iván Rumbo fixo o cuarto tras xogada individual pola banda de Hugo. O lanzamento da sexta falta tinerfeña foiselle a Gallego ao pau. Iván Rumbo repetiu remate á madeira, pero Borja fixo o quinto no 36 tras un robo de balón de Lucas Bolo. Carlos Corvo, nun dobre penalti, puxo o 5-2 definitivo.

Tralo partido, Santi Valladares falou de vitoria xusta, aínda que recoñeceu que na primeira parte non estiveron ben e o Uruguay tivo varias ocasións con 1-0 no marcador. “Pero na segunda parte fomos moi orgullosos na defensa do un para un. E ademáis tivemos unha puntaría excelente”. O técnico local destacou a segunda parte: “Fomos un equipo duro, pegañento. Fomos o Santiago que vimos sempre, sobre todo na defensa”. E iso ven do traballo diario: “A vitoria é resultado do trabajo diario, sesión a sesión, adquirir hábitos que non tiñamos, iso leva o seu tempo. Tamén medramos á hora de competir”.

Nesta 6ª xornada, o Burela Pescados Rubén recibe ás 18.30 o Magna Navarra en Vista Alegre e á mesma hora, pero en Tudela, o Azkar Lugo vista o Ribera Navarra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta