Estudantes da UDC, contra a fusión de graos en Enxeñaría de Camiños: "Responde ao interese privatizador"

Esta decisión está amparada pola Xunta, que esixe un número mínimo de alumnado para manter un grao.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/10/2022 | Actualizada ás 12:55

Comparte esta noticia

Estudantes da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canles e Portos da Universidade da Coruña (UDC) informaron de que o reitor desta institución, Julio Abalde, anunciou "nunha reunión co propio centro" a súa intención, "en conivencia coa Xunta", de unificar os dous graos que se imparten actualmente nesta escola, o de Obras Públicas e o de Tecnoloxía da Enxeñaría Civil (TECIC). O alumnado destaca a súa "oposición frontal" ante esta proposta.

Así o manifestou a asociación Estudantes en Movemento de Galicia nun comunicado no que aseguran que Abalde trasladou a intención de levar a cabo esta unificación "en menos dun ano" e que "se non o fai a Escola, será el quen o leve a cabo". Esta decisión está amparada pola Xunta, que esixe un número mínimo de alumnado para manter un grao.

Segundo a asociación, esta unificación é "un atropelo" aos intereses do estudantado que responde "ao interese privatizador da universidade pública". "En menos dun ano a inmensa maioría dos alumnos do centro atoparanse en plans en extinción, sen tempo para analizar o recoñecemento de créditos e sen que os estudantes que neste curso van realizar os exames saiban se a materia superada vai ter ou non reflexo no novo título aínda por debater", explica o texto.

"PROFUNDA REVISION" DOS GRAOS

Estudantes en Movemento defende que as profesións de Obras Públicas e Enxeñaría de Camiños "aínda que comparten ámbito son distintas" e lembra que levan "os últimos dez anos" esixindo unha "profunda revisión" dos graos. Considera, ademais, que a calidade docente vese "tremendamente mermada" con esta proposta de unificación e súmase "á loita de todo o persoal docente en situación precaria que con esta fusión ve desaparecer o seu posto de traballo".

Biblioteca da Univesidade da Coruña
Biblioteca da Univesidade da Coruña | Fonte: UDC.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta