Galiza Nova lanza unha campaña para mostrar as violencias machistas que "diariamente viven as mozas galegas"

Poñen o foco no medo como unha forma máis de dominación do patriarcado.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 03/11/2022 | Actualizada ás 18:21

Comparte esta noticia

Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, presentou este xoves a súa campaña para o próximo 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que terá como tema 'Que arda o medo. Acendemos fachos para iluminar o camiño'.

Tal como indicou Galiza Nova, o obxectivo desta iniciativa é loitar contra a violencia machista que sofren as mozas galegas, polo que busca visibilizar a situación que viven pondo o foco no medo como unha forma máis de dominación do patriarcado.

"Desde as orixes do patriarcado, este dotouse de ferramentas para frear o desenvolvemento das mulleres e do feminismo. Unha destas ferramentas é o medo. En pleno 2022 reapareceu a submisión química como instrumento de terror contra as mulleres e, dalgunha forma, reavivou a sensación de medo que vivimos", indicou a responsable nacional de Mulleres da organización, Erea Branco.

A campaña, que deu comezo este xoves, contará cunha parte exclusiva de redes sociais coas que Galiza Nova pretende visibilizar situacións que "diariamente viven as mozas galegas" e unha parte externa con actos e actividades abertas para "dotar de ferramentas ás mozas para loitar contra o patriarcado".

"Este medo ten moitas expresións na vida diaria das mozas galegas: o medo a camiñar soas pola rúa, medo a denunciar, medo a sinalar agresores ou agresións, a sufrir agresións...", engadiu Branco.

A campaña terminará o propio 25 de novembro coa participación nas mobilizacións que se convoquen desde o movemento feminista galego, polo que animou a todo o mundo a acudir "en defensa dos dereitos" das mulleres.

Galiza Nova subliña a importancia de loitar contra o medo este 25 de novembro para acabar coa violencia machista.. GALIZA NOVA
Galiza Nova subliña a importancia de loitar contra o medo este 25 de novembro para acabar coa violencia machista.. GALIZA NOVA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta