Nace 'A terra, o balón mais elas', unha asociación para visibilizar a presenza das mulleres no fútbol

Ofrecerán asesoramento e programas e traballos de colaboración con diferentes entidades

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/11/2022 | Actualizada ás 18:46

Comparte esta noticia

Nace a asociación ‘A terra, o balón mais elas’ co que se pretende “dar apoio para mudar procedementos e modelos, e para acelerar algo tan natural como a normalización e a visibilización da muller no fútbol”, sinala a presidenta, Bibiana Santiso nun comunicado.

Selección galega de fútbol sala feminino Sub-17
Selección galega de fútbol sala feminino Sub-17 | Fonte: afervenzafsf.blogspot.com

O fútbol xogado por mulleres está nunha fase inicial de crecemento. Isto pode levar a que a sociedade pense que xa está a facerse o suficiente para visibilizar e promover á muller dentro de todas as facetas laborais, tanto do fútbol practicado por mulleres como por homes. Con todo, esta asociación o que busca é “traballar para axudar a que ese crecemento sexa harmónico, tanto no eido federativo, coma nos clubs e para todas as mulleres que estean integradas no fútbol, no fútbol sala e no fútbol gaélico”.

Ademais, no comunicado tamén indican que ofrecerán asesoramento e programas e traballos de colaboración con diferentes entidades, tamén públicas, nas tres áreas defendidas pola asociación.

O que buscan con ‘A terra, o balón mais elas’ é ser un espazo para que as mulleres “teñan o valor e o respecto que lle corresponde nestas modalidades e, subsecuentemente, no deporte e na sociedade”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta