Villarino desexa "o mellor" a Francisco Rodríguez e confía en que o PSdeG "acerte" coa súa designación

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/11/2022 | Actualizada ás 18:32

Comparte esta noticia

O secretario provincial do Partido Socialista de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, desexou "o mellor" ao exregidor da cidade Francisco Rodríguez e manifestou a súa confianza en que o PSdeG "acerte" coa súa designación como candidato á Alcaldía da Cidade das Burgas.

O socialista, que dimitiu como portavoz local do partido tras coñecerse a decisión dos órganos da dirección da organización, foi claro manifestando que "foi unha sorpresa" que "non era algo que estivese a esperar", pero tamén que "se trata dunha decisión da Comisión Federal de Listas e ante iso non hai nada que dicir, non cabe máis que acatala".

Neste senso, recalcou que forma parte dun partido político que ten unhas normas e as mesmas "acéptanse ou non se está nese partido", á vez que subliñou que "quere" á súa formación e que non vai falar mal da mesma "baixo ningún concepto".

A pesar de todo, manifestou que entende que "humanamente moita xente teña algunha reacción contraria" ao escenario que se presenta, "non compartíndoo" porque, para Villarino, "é lícito que as persoas teñan opinións individuais, pasa en todos os ámbitos e dentro de calquera organización". "O importante é traballar unidos buscando un futuro para esta provincia", apostilou.

Nesta liña, subliñou que o sucedido "non é o costume senón a excepcionalidade", e que é "normal que alguén poida sentirse molesto", pero "non rompe o partido político", ao enteder que "non é máis que unha excepción" que a formación "decidiu que é o mellor para representar os intereses en Ourense".

"Que sexa o mellor para Ourense e teñamos unha alternativa que permita que cambie a súa deriva, que o PSOE acerte", remarcou Villarino sobre a designación de Francisco Rodríguez, quen, ao seu xuízo, "réstase un pouco de valor" e "actúa con humildade" cando di que o nomearon a el porque non se chegaba a un acordo que evitase as primarias que, segundo os estatutos do partido, están obrigados a celebrar as agrupacións de municipios de máis de 20.000 habitantes.

"Noméano a el porque cren que é a mellor posibilidade de éxito do partido e respecto esa decisión. Oxalá as urnas lle dean a razón", sostivo o secretario provincial contando, que chamou a Rodríguez para felicitalo e para dicirlle, ademais, que "conta con todo o seu apoio para conseguir o mellor resultado posible".

LISTA DE CONSENSO

Cuestionado sobre se estaría disposto a entrar a formar parte dunha lista de consenso, Villarino subliñou que o candidato debe ter "plena liberdade" para decidir as persoas que o acompañen na candidatura.

"Eu non lle poño límites a Paco Rodríguez e espero que el tamén me dea a min a liberdade para tomar a decisión que corresponda no momento", dixo o deputado provincial, que cre que con este escenario o que debe facer "é seguir lealmente o partido, apoialo no concello e seguir loitando coa responsabilidade que teño na portavocía da Deputación".

O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino
O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino | Fonte: PSdeG-PSOE

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Como se despiste Villarino vai falar con Baltar que lle busque algún cargo onde se repartan as comisións das Torres do Miño ! Que chasco levou, 8 anos sen mover a Jácome da alcaldía pasan factura ! Agora chegan os mafiosos de toda a vida a repartir cartas ? Imos ver como polo pan baila o can en Ourense ! O PSOE é deses partidos democráticos de toda a vida ? Agás cando hai que poñer a alguén a dedo, niso non se distingue para nada do PP !