Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/11/2022 | Actualizada ás 11:48
O próximo sábado 26 de novembro presentaranse por primeira vez as candidaturas de Interior Galego Vivo na comarca de Verín, en concreto nos concellos de Laza e Vilardevós, na Casa da Cultura deste último, ás 12 horas. Este partido tamén concorrerá nos comicios municipais noutras zonas rurais, xa que pretende dar voz propia ao medio rural da Galicia Interior.
O seu propósito é acadar leis de alcance e políticas de loita contra o despoboamento e o desequilibrio territorial. “Mais rural e mais comunidade son precisos para o futuro deste país”, din os candidatos Jorge Lorenzo, que se presenta no Concello de Laza e Tamara Balboa, candidata á alcaldía por primeira vez en Vilardevós.
No caso de Vilardevós, todas as persoas que conformarán a candidatura viven e traballan neste concello, “o que se está convertendo nunha excepción”. “Presentámonos convencidos/as de que este concello ten futuro e potencial en torno ao aproveitamento sostible dos recursos, non nos resignamos á idea de prepararnos para un bo morrer o un mal vivir”, afirman.
Ademais das reivindicacións, tamén sinalan que apostan por un modelo de desenvolvemento máis equilibrado, xusto e consciente da crise ecolóxica. “Defendemos un cambio do modelo actual de cara a un aproveitamento sostible dos recursos, unha soberanía alimentaria e enerxética dos nosos pobos”.
Así mesmo, nun comunicado explican que realizarán unha política das persoas que apoie ós colectivos con mais dificultades no medio rural como as persoas maiores ou dependentes e ás familias con nenos/as para impedir que a mingua de alumnado leve a un peche dos colexios, así como fomentar o asentamento de novas persoas poboadoras.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.