Nesas estamos

.. Somos o azar do oportuno, a paz que termina coas guerras alleas, dous xeonllos rabuñados que resisten con valentía. Mirádenos. Decidimos cambiar a dirección do puño porque nós non nos defendemos: nós loitamos... Elvira Sastre

Por Fermín Paz | As Pontes | 28/11/2022

Comparte esta noticia
A "operación militar especial" foi a denominación que utilizou Vladimir Putin para referirse á invasión feita contra o país ucraíno.
 
Nun discurso televisivo, Putin xustificou a intervención dicindo que "as repúblicas populares do Donbass achegáronse a Rusia cunha solicitude de axuda. En relación con isto fixo a seguinte xustificación " tomei a decisión co obxectivo de protexer ás persoas que son obxecto de abusos, xenocidio do réxime de Kiev durante oito anos, e para iso buscaremos desmilitarizar e desnazificar Ucraína e levar diante da xustiza a quen cometeu numerosos crimes sanguentos contra persoas pacíficas, incluídos os nacionais rusos".
 
Xusto ao comezo da Segunda Guerra Mundial, Alemaña buscaba evitar unha guerra de longa duración cunha serie de campañas curtas. Desta maneira, o país dirixido por Hitler conseguiu invadir gran parte do continente europeo en dous anos. Desta maneira de guerrear xurdiu o concepto chamado Blitzkrieg ou "guerra lóstrego". Outro exemplo dá mesma a táctica foi (aínda que non con este nome) a de Israel en varios conflitos, entre eles, a guerra do Sinaí, aínda que máis notoriamente na dós Seis Días ;a invasión de Kuwait, o 2 de agosto do 1990, diante dá negativa kuwaití a conceder as reivindicacións solicitadas no ultimato iraquí , logo do cal, instalaron un goberno monicreque, anexionaron o Emirato e converteron dito territorio na provincia iraquí número 19; no 2003, cando o Presidente estadounidense Bush deu comezo a invasión de Iraq,etc...
 
Todos estes exemplos de casos semellantes teñen como obxectivo poñer de manifesto a hipocrisía que existe na xeoestratexia dos diferentes Estados ou nas Organizacións supraestatais das Forzas Armadas, xa que, cando interesa acreditan na defensa duns valores ou principios para criticar, condear ou mesmo combater accións militares , e cando non , calan ou xustifican a utilización dos mesmos procedementos. 
 
Confeso que nada sei das tácticas ou estratexias militares xa que do meu paso pola "mili", primeiro en Cáceres e logo en Madrid, só teño lembranzas das amizades cas que compartín aquel tempo obrigatorio e o sentimento dun tempo perdido ao servizo dunha Patria tamén obrigatoria, inexistente e convertida nun mito tanto polo réxime franquista, como pola historia interesada e apuntalada de novo pola Constitución de 1978 naquela conxuntura favorecedora dos intereses creados con anterioridade, tanto polos 42 anos da ditadura como os cinco séculos anteriores. 
 
Contarei un pequeno feito do meu paso polo servizo militar obrigatorio. Aos 2 días de chegar a Madrid tiven que achegarme a enfermería por unha infección na gorxa. O médico deume un tratamento e díxome que tiña que quedar en observación. Pasaron varios días e de súpeto vexo que cada pouco ían achegando xunto a min oficiais de menos a mais graduación, preguntándome como me chamaba e cando lles dicía o meu nome, levaban as mans a cabeza. Unha hora despois, vexo chegar a meu pai xunto dos mandos do Rexemento. Resulta que, ao non pasar os controis da mañá e da noite esas xornadas, déronme por "fuxitivo" segundo a normativa daquela no exercito. Avisaron na casa, e o meu vello decidiu ir cara aló. Co seu permiso, abriron o portelo onde gardaba as miñas cousas e logo de darlles unha mirada, díxolle aos militares, meu fillo non marchou e caso de facelo, non foi por vontade propia. Mais adiante explicoume o seu razoamento do seguinte xeito. Cando vin a roupa de paisano, a carteira cos documentos , os cartos, etc…, e como te coñezo , díxenlles, sei que isto da “milicia” non vai co meu fillo, mais como da cabeza vai defendéndose, non acredito na súa fuxida. Logo chegou aquel rebulir naquel lugar e as desculpas dos militares polo súa maneira de facer. Fermín pai, solicitoulles aos mandos que, non tomarán ningunha medida contra ninguén porque os erros son necesarios e serven para aprender na vida. A min, déronme un dia de permiso e pasamos a xornada pola capital española , ata que chegou a hora de coller o tren na Estación do Norte e meu vello foi de volta cara As Pontes. 
 
Volvo o rego. Nos casos referenciais, a táctica foi concentrar armas ofensivas nunha fronte ampla, para abrir as defensas inimigas e permitir que os tanques penetrasen nas liñas do contrario e tivesen o paso aberto unha vez traspasado a fronte de combate. Así o fixo Alemaña contra Polonia, Dinamarca, Noruega, Bélxica, Países Baixos, Luxemburgo, Francia, Iugoslavia e Grecia. Non puido facelo con Gran Bretaña, grazas ao Canle da Mancha e a Mariña Británica. A mesma maneira de facer foi empregada por Rusia na invasión de Ucraína e tamén nos demais exemplos citados
 
Nos dous casos onde quero determe un pouco, o despregue ofensivo, fracasou. Non funcionou contra a Unión Soviética, porque as unidades do exercito soviético foron repregando ata Stalingrado, e logo grazas a unha contraofensiva lanzada contra a Wehrmacht, saíu vitorioso. Tras case oitenta anos, a historia ten algunha semellanza, aínda que nun escenario e cuns actores distintos. Agora é Ucraína a que está ao contraataque, sendo sabedora que, non e posíbel o trunfo coa derrota total de ningunha das partes en conflito.
 
Todo aparenta que as operacións militares están orientadas a fixar as mellores posicións cara á seguinte fase e nos vindeiros meses a negociación será a noticia de cabeceira dos xornais e informativos. Os primeiros pasos estanse a dar vía dos contactos entre os servizos de intelixencia de Rusia e os Estados Unidos. Outros actores interesados están a xogar o seu papel creando as condicións ambientais necesarias na opinión publica.
 
Zelensky e Putin están a mover as súas pezas no taboleiro do xadrez. A partida non vai ser doada para ningunha das partes e as súas respectivas alianzas. A sinatura da Paz (as táboas), obriga a un grande exercicio de convencemento tanto nas opinións publicas de cada País e a nivel mundial, como un éxito (xaque). Ao non haber posibilidade dun xaque mate (o trunfo dunha parte e a derrota da outra), o aspecto principal da negociación será a dos novos marcos nos territorios de Rusia e Ucraína e logo todo o demais, incluídas as garantías de non voltar ás andadas de novo e os países que deberán garantir, tal cousa. De aí as dificultades e tal vez, os derradeiros acontecementos na guerra, deberán interpretarse desde esta perspectiva.
 
Supoñamos que, o abandono da cidade de Jersón pon de manifesto unha certa disposición de Rusia a devolver parte do territorio do leste e do sur e tal vez a posibilidade de Ucraína por manter un bo acceso ao mar logo de aceitar que o marco do territorio ruso é a península de Crímea. Como poderán presentar que tal acordo é un trunfo por ámbalas dúas partes? 
 
A outra posibilidade é, interpretar que, a destrución das infraestruturas eléctricas, de auga potable, alimentación é só un alto no camiño na estratexia rusa e a guerra continuará logo das condicións impostas polo inverno e pese ás perdas de potencial no terreo militar, e unha certa imposibilidade manifesta de manter a guerra “sine die” tanto a nivel económico como de opinión publica tanto en Rusia como noutros Países.
 
Nun artigo anterior titulado “A masacre de Ucraína” dicía que, “...a terceira fase, será a da mesa negociadora para o acordo na que ademais das representacións de Ucraína e Rusia haberá outros convidados con interese no conflito e que fai ben tempo que son vellos coñecidos. Engadía que, a diplomacia será quen de facer unha boa escrita para a sinatura, na que ámbalas dúas partes terán que sacrificar as posición máximas, en beneficio dos demais convidados que farán presión, en segredo, para poñer remate a guerra…” Teño o convencemento que nesas estamos.
 
Matinaba hai uns dias nesta situación mentres ía participar nunha Asemblea do Colectivo de Pensionistas da CIG nas Pontes para tratar de novo, o asunto da perda de dereitos que fixo Enel-Endesa coa colaboura da sección sindical da UGT na sinatura do V Convenio e que serviron para agasallar os accionistas desta Empresa con 515 millón de euros pola apropiación indebida aos traballador@s feita con nocturnidade e adrede. Un exemplo do que non se debe facer, un aviso para navegantes e unha excepción negativa en todo o sector eléctrico do Estado Español. Ademais da defensa que estamos a facer dos nosos dereitos diante dos tribunais de Xustiza, hoxe, atopámonos en mellor disposición para defendernos. A estratexia da Empresa na defensa xurídica xa ten algunhas fendas non Tribunais Superiores de Xustiza nalgunha Comunidade Autónoma e pode facilitar outras respostas porque a empresa, hoxe, non ten garantido a resolución a seu favor do conflito. Iso fai posible o noso contraataque.
 
O que non fixemos por mor da pandemia, e logo das posibilidades que tivo a Empresa coa contrarreforma laboral do PP en canto a ultra-actividade do Convenio, o colaboracionismo da sección sindical citada, as propias circunstancias de atoparnos xa fóra do traballo e algunhas máis, no relativo a un conxunto de traballador@s disperso tanto no nivel de conciencia de clase como territorialmente, agora, o noso sindicato, está decidido a impulsar unha nova vía de acción sindical cara a negociación do VI Convenio e algunhas actuacións ao longo do 2023 en colaboración con outras organizacións tanto de activos como de pasivos para tratar de restabelecer os nosos dereitos. Chegamos o convencemento que debemos propoñelo ao conxunto do colectivo (activos+pasivos), coa excepción d@s da UGT. Nesas estamos. 

Vladimir Putin
Vladimir Putin | Fonte: temposgalegos
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fermín Paz A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.