Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/12/2022 | Actualizada ás 14:17
O portavoz municipal socialista en Santiago, Sindo Guinarte, e a deputada do Parlamento Noa Díaz solicitan un aparcadoiro na contorna do Complexo Hospitalario Universitario (CHUS) e a creación dun centro de día público no barrio de Fontiñas.
Trátase de dúas "reclamacións históricas" que os socialistas incorporaron ás emendas parciais ao proxecto de orzamentos da Xunta para 2023 e que ambos os políticos socialistas presentaron este mércores en rolda de prensa.
A deputada socialista saudou a decisión da Xunta de ampliar o complexo hospitalario, pero recalcou a importancia de crear un aparcadoiro. Sobre esta cuestión, puxo o acento en que se trata dunha "competencia única" da Xunta, ao tratarse de dar servizo a unhas infraestruturas sanitarias.
Así mesmo, o concelleiro socialista engadiu que Santiago está a ser "claramente discriminada" respecto doutras cidades galegas, nas que si investiron en aparcadoiros vinculados aos complexos hospitalarios. Nesta liña, trasladou que máis do 70% da poboación que atende o hospital non reside na capital, senón na área de Santiago, por tanto debe de desprazarse e utilizar estes aparcadoiros.
RESIDENCIA DAS FONTIÑAS
Sobre outros aspectos que se inclúen nas emendas, comentaron a necesidade de levantar un centro de día para o barrio das Fontiñas, que reúne a preto de 10.000 persoas, e un novo centro de saúde en Conxo, para o que o PSdeG propón destinar 400.000 euros para dotalo de mellores instalacións.
En canto ao orzamento da Xunta para 2023, Sindo Guinarte denunciou que a achega da Xunta á capitalidade descendeu un 33% na última década.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.