"Se non pagas os sicarios irán a por ti"... Así ameazaba unha organización criminal en páxinas de citas

Conseguiron máis de 70.000 euros de 28 vítimas de diferentes provincias

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/12/2022 | Actualizada ás 14:03

Comparte esta noticia

Sete homes e unha muller foron detidos o pasado 16 de novembro en Ourense e O Carballiño como presuntos autores de 28 delitos de ameazas, pertenza a grupo criminal e branqueo de capitais por anunciar teléfonos en páxinas web de citas, obter os números dos clientes, que non chegaban a concertar as citas, e, despois, esixirlles o pago de diñeiro baixo ameazas.

Os pagos realizados ascenderon desde os 100 aos 36.500 euros. En total hai 28 vítimas en provincias de toda España que sumaron 71.600 euros nun prazo de pouco máis dun ano.

Segundo trasladou este venres a Policía Nacional, o método que utilizaban consistía en anunciar teléfonos en páxinas web de citas para conseguir que potenciais clientes contactasen con mulleres que ofrecían servizos sexuais en diferentes puntos de todo o territorio, aínda que finalmente non chegaban a concertar ningunha cita.

Deste xeito, a organización obtiña teléfonos de posteriores vítimas ás que esixirían o pago dunha cantidade determinada de diñeiro.

Así, unha vez que dispuñan dos seus datos, os detidos púñanse en contacto coas vítimas a través dunha aplicación de mensaxería instantánea, ben mediante chamada ou ben mediante mensaxes, facéndolles chegar frases nas que as ameazaban con causarlle un mal ou a morte por facer perder o tempo ás súas "mozas" e tiñan que pagar unha multa á organización.

AMEAZAS

Nun comunicado, a Policía Nacional detallou que as ameazas consistían en frases como 'se se nega a pagar, os sicarios irán a por ti' ou 'se non pagas matarémoste a ti ou a un familiar teu'. Ademais, mesmo enviaban fotografías de armas de fogo, membros corporais amputados e vídeos dunha execución con arma branca.

Posteriormente, cando as vítimas accedían a abonar a presunta débeda, o modo de pago proposto polos autores variaba. En ocasións solicitaban transferencia bancaria e noutros casos realizar un ingreso en efectivo en caixeiro. Ademais, tamén utilizaban empresas de transferencias monetarias ou plataformas de pagos móbiles.

Unha vez que as vítimas accedían a realizar os pagos esixidos, os presuntos autores continuaban demandando pagos posteriores, o cal non cesaba ata que as vítimas interpuñan denuncia por temor a que as ameazas chegasen a ser cumpridas.

A Garda Civil investiga extorsións a usuarios de internet
A Garda Civil investiga extorsións a usuarios de internet | Fonte: Garda Civil.

DETENCIÓNS

Non se descartan novas detencións, xa que os investigadores concluíron que participaron, polo menos, 18 individuos en territorio nacional e outro non identificado que o estaría facendo desde o estranxeiro. Ademais, o grupo estaría a organizar unha "nova campaña" de ameazas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta