Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 15/12/2022 | Actualizada ás 18:14
A sección segunda da Audiencia de Pontevedra condenou a tres anos de prisión e ao pago dunha multa de 5.500 euros a un pontevedrés que no ano 2022 tiña un piso no que cultivaba marihuana e vendía distintos tipos de sustancias estupefacientes no centro de Pontevedra.
O xuízo resolveuse mediante un acordo de conformidade coa Fiscalía polo que confesou a autoría de todos os feitos que se lle imputaban a cambio dunha rebaixa na condena. Inicialmente o Ministerio Público solicitaba unha pena de catro anos e seis meses de prisión, multa de 15.140 euros, con 180 días de responsabilidade persoal subsidiaria en caso de falta de pagamento da devandita cantidade.
A alerta veciñal foi a que desencadeou esta investigación da Policía Nacional bautizada como 'operación Millán' na que foron confiscadas diversas cantidades de resina de cannabis, cogollos de cannabis, unha bolsa de cartón con picado de follas desta mesma planta, dous comprimidos e medio de MDMA (éxtase), oito paquetes de cocaína e dous teléfonos móbiles e obxectos para manipular droga.
No escrito de acusación do Ministerio Fiscal detállase que o agora condenado habilitara o seu trasteiro para o secado da marihuana e mesmo descubriron como nunha habitación tiña un armario de plástico cuxo interior era de material reflector e que tamén utilizaba para o cultivo da marihuana.
O tribunal provincial pronunciarase sobre a posible suspensión da execución da condena cando diten a sentenza firme que será nos mesmos termos que hoxe se pactaron.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.