Xunta e Fegamp coordinan actuacións para mellorar a prestación de servizo nos Centros de Información á Muller

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/12/2022 | Actualizada ás 16:37

Comparte esta noticia

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, reuniuse este mércores co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, para abordar as propostas de mellora da Rede de Centros de Información á Muller (CIM), entre as que se atopan o reforzo da formación do seu persoal e do mapa de recursos dispoñible.

Tal e como detalla a Consellería nun comunicado, as dúas institucións perfilaron medidas para "impulsar e garantir unha formación especializada e continuada" a todos os profesionais dos CIM, "co obxectivo de brindar a mellor das atencións ás mulleres usuarias e traballar na prevención da violencia de xénero e no asesoramento ás súas vítimas".

Ademais, aumentar a cobertura dos centros a todo o territorio é outro dos obxectivos, xunto ao de "dinamizar" as mesas locais de coordinación institucional contra a violencia de xénero (órganos nos que sentan en cada municipio as principais entidades educativas, sanitarias, policiais e sociais pra combater este problema estrutural).

Destacan que o Goberno galego destinará en 2023 máis de catro millóns de euros aos 84 centros de información á muller da comunidade. A Xunta creará ademais en 2023 unha partida complementaria de 1,4 millóns de euros para a mellora das infraestruturas e do equipamento dos CIM.

Pola súa banda, a Fegamp lembrou que en 2020 realizou un informe sobre a situación da rede de CIM, "que mostraba unha preocupante carencia de fondos e profesionais", así como "claros desequilibrios entre zonas xeográficas e centros".

Así, detallan, a suma dos centros municipais das provincias de Lugo e Ourense non alcanzaban a cifra dunha soa das provincias atlánticas, a falta de financiamento obrigaba a algúns municipios a achegar ata o 88 % dos fondos e só un 5 % dos CIM contaba con persoal administrativo, "coa consecuente sobrecarga de traballo e funcións e consecuencias na prestación do servizo".

Coa nova reforma anunciada pola Xunta, continúan, "confían en traballar nunha estratexia conxunta que estableza criterios de localización e prestación de servizos, tendo en conta factores como a xeografía, a densidade poboacional e as características sociodemográficas, que mellore o sistema de financiamento e estableza cocientes de persoal para garantir que calquera muller, en calquera punto de Galicia, poida recibir unha asistencia de calidade neste ámbito".

Muller dicindo 'non' á violencia de xénero
Muller dicindo 'non' á violencia de xénero | Fonte: Commons

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta