Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 23/12/2022 | Actualizada ás 18:12
A formación profesional galega realizará tres proxectos innovadores nos que participarán distintos centros da rede autonómica e que tratarán de achegar solucións sobre a xestión eficiente da auga, a recarga de vehículos eléctricos e o enoturismo.
A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, avanzou esta iniciativa, asociada á posta en marcha do centro de innovación en formación profesional Eduardo Barreiros de Ourense, durante a súa intervención na Comisión 4ª de Educación e Cultura, onde respondeu a unha pregunta realizada pola deputada do PP Noelia Pérez.
Alí, a responsable da Consellería de Educación sinalou que o novo centro ourensán encabezará a estratexia de innovación que pretende porse en marcha ao redor deste modelo educacional.
Para iso, destacou tres iniciativas nas que participarán centros de formación profesional de distintas localidades onde se desenvolverán proxectos vinculados "a sectores de futuro".
O primeiro, centrado na procura de solucións para mellorar a eficiencia na xestión do ciclo integral da auga, porase en marcha en colaboración coa empresa Viaqua e participarán os centros A Carballeira e A Farixa, ambos de Ourense, e o Politécnico de Santiago. Prolongarase durante tres anos cun investimento de 700.000 euros.
A segunda das iniciativas, dotada con 200.000 euros de orzamento, estará enfocada ao desenvolvemento de novas solucións aos puntos de recarga dos vehículos eléctricos a través do uso das correntes que xeran eles mesmos. Desenvolverano, ademais do Eduardo Barreiros, o Politécnico de Vigo e o CPI As Mercedes de Lugo.
Por último, dous centros ourensáns, o CPI Carlos Oroza de Ourense e o IES Vilamarín, tamén da Cidade das Burgas, desenvolverán un proxecto para o desenvolvemento do enoturismo a través da inclusión de tecnoloxías avanzadas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.