Critican a Barreiro Rivas por impartir un “curso de ética” tras ser condenado por prevaricación

O “Curso de Ética Pública para empregados publicos” está organizado pola Xunta e a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, que hai unha semana lle concedeu o premio do ano ao ex político popular.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 28/11/2014 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

“Os límites da decencia, que hai tempo que foron saltados por este goberno, quedan xa a tanta distancia de Feijoo e o seu goberno, que o pudor lles é alleo”. Así comeza un comunicado da CIG-Autonómica con críticas moi duras contra o Executivo de Feijóo por contratar ao ex vicepresidente da Xunta con Albor e agora politólogo e columnista de La Voz de Galicia, Xosé Luis Barreiro para impartir un “curso de ética”.

José Luis Barreiro, Mariano Rajoy e Santiago Rey
José Luis Barreiro, Mariano Rajoy e Santiago Rey | Fonte: lamoncloa.es

Precisamente este “curso de Ética Pública para empregados públicos” está organizado conxuntamente pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, vinculada a La Voz de Galicia, e a Xunta, a través da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) De feito, Barreiro foi o galardoado este ano co premio desta fundación en presencia do presidente do Goberno español, Mariano Rajoy.

A conferencia do politólogo e ex político versará sobre os compoñentes éticos, políticos e xurídicos dunha sociedade limpa de corrupción. E é isto, precisamente, o que critican desde CIG-Autonómica ao lembrar que Barreiro Rivas foi un dos primeiros políticos galegos condenados por prevaricación e que o Tribunal Supremo condenou a 6 anos de inhabilitación especial para cargos públicos.

“Non se pon en cuestión a competencia técnica desta persoa, senón a incompatibilidade moral que produce o feito de ter sido condenado por un delito contra a Administración Pública nun dos supostos máis graves, a prevaricación, e participar de ponente nun curso sobre ética dos empregados/as públicos/as. Barreiro pode ser obxecto, pero non suxeito da charla!”, apunta este sindicato nun comunicado no que responsabiliza a Xunta por contratalo.

Entre as materias deste curso están a importancia e prioridade das medidas preventivas na loita contra a corrupción, delitos de malversación e de fraudes á Administración, delitos sobre a ordenación do territorio e o urbanismo, os compoñentes éticos, políticos e xurídicos dunha sociedade limpa, a dialéctica entre sistema e baleiro en tempos de crise, delitos de prevaricación e de negociacións e actividades prohibidas aos funcionarios públicos, reflexións sobre a eficacia da actuación xudicial contra a corrupción, delitos de suborno e tráfico de influencias e comportamentos corruptos: da tolerancia á prevención.

Nas xornadas tamén participarán o fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, que incidirá nas medidas preventivas na loita contra a corrupción e o catedrático de Dereito Penal Enrique Orts Berenguer, cunha conferencia que versará sobre delitos de malversación e de fraudes á Administración.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 9 comentarios

4 Hai quen o aplaude

Pero os da CIG terían que tirarlle das orellas aos do BNG-UPG que ben que lla mamaron o outro día na parafernalia para maior gloria del e da súa familia que montou o Santi Rey. Unha vergoña o de Lores UPG e Vence BNG.

3 Mantidos_contados

O deste homiño é para escachar coa risa: Ainda recordo un artigo deste fenómeno decindo que Galiza non é produtiva para o gando leiteiro, e a sua cariña de "si, corazón" cando don Lorenzo, alias "miñato_pejado" decía iso de que non hai nada malo niso de conseguir emprego para a xente que ven sendo amiguiña na alcaldía. É a viva imaxe do que fai deste país unha esterqueira: Nula iniciativa, pejamento para arrimarse ao poder, laretadas (pagadas) sen ton nin son, ánimo servil e feixismo de camareiro.

2 eusi

Hai que seguir pagando favoriños: que fale ben do PP gratis en Vtv algunha contraprestación teria que levar...Pois velaquí, e as que virán.

1 bautista do unto

E como si Bieito Lobeira nos viñese dar un curso sobre como encontrar traballo