Día dos usuarios de bibliotecas: este mércores celebrarase en toda Galicia con visitas comentadas, talleres e agasallos

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/01/2023 | Actualizada ás 16:47

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia conmemora o vindeiro mércores, día 11, o Día do Usuario das Bibliotecas cunha ampla programación para achegar estes servizos á cidadanía, con visitas comentadas ás instalacións, talleres, contacontos e recoñecementos aos lectores máis activos durante o ano pasado.

Así, a Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés programa un taller de 10.00 a 11.00 horas coordinado por Lea Santiso e dirixido a público adulto para reflexionar sobre distintas obras literarias e tamén para que os usuarios podan compartir as súas experiencias. Haberá tamén agasallos para os socios de honra infantís, o propio mércores ás 18.00 horas, para os catro nenos que máis préstamos levaron durante o ano pasado.

En Lugo, a Biblioteca Pública ofrecerá dúas quendas de visitas guiadas, ás 12.00 horas e ás 18.00 horas previa inscrición telefónica. Tamén se nomeará os usuarios de honra: tres adultos e tres infantís, que recibirán un libro como agasallo. Ademais, durante toda a xornada haberá marcapáxinas de deseño variado para dar a todas as persoas que ese día leven documentos en préstamo.

A Biblioteca Pública de Ourense tamén contará con dúas quendas para dar a coñecer as súas instalacións e servizos entre a cidadanía. Están programadas para o mércores ás 11.00 e ás 17.00 horas, con cita previa. O nomeamento de socios de honra recaerá nos tres usuarios infantís e nos tres adultos con máis préstamos que, a partir de agora, poderán retirar en préstamo un maior número de obras e faráselles entrega dun lote de libros para seguir gozando coa lectura. Ademais, durante toda a semana haberá actividades continuadas para os máis pequenos.

En Pontevedra, a Biblioteca Pública Antonio Odriozola tamén nomeará o mércores aos socios de honra, tres adultos e tres infantís. O venres, ofrecerá o taller 'Detectives de misterios na biblioteca' de 17.30 a 19.00 horas, unha actividade que converterá aos nenos de 8 a 12 anos en detectives que investigarán para resolver un misterio e atopar unha mensaxe oculta polas diferentes zonas que a forman.

Pola súa banda, a Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel programa dúas quendas de visitas guiadas o día 11 de xaneiro, ás 12.00 e ás 18.00 horas, así como o nomeamento dos socios de honra aos tres usuarios infantís e tres adultos con máis préstamos. Tamén haberá unha sesión de contacontos o mércores 11 ás 18.00 horas con Trinketrinke Teatro, dirixido a nenos maiores de 4 anos. Ademais, realizarase un sorteo de dous lotes de libros entre os usuarios que empreguen a biblioteca o Día do Usuario.

Finalmente, na Cidade da Cultura, a Biblioteca de Galicia ofrecerá unha visita guiada ás 12.00 horas para dar a coñecer as súas instalacións e coleccións e mostrará os espazos de acceso restrinxido onde se custodian a maior parte dos seus fondos. Poderase participar previa reserva no correo bibliotecadegalicia@xunta.gal. Ademais, previu realizar agasallos de libros aos usuarios e persoas que visiten a biblioteca ese día.

Na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal organizarase o mércores a actividade 'Préstamo a cegas', coa que cada usuario escolle unha bolsa e descubrirá o que contén. Tamén se nomearán os socios de honra, que este 2023 poderán retirar en préstamo un maior número de obras.

Biblioteca de Sober
Biblioteca de Sober | Fonte: Concello de Sober

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta