Rebaixan en dous meses a pena a un home que violou en máis de 30 ocasións ás súas fillas pola lei do só si

Pola contra, reixeitáronse tres solicitudes de revisión de penas por delitos sexuais

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/01/2023 | Actualizada ás 16:23

Comparte esta noticia

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra rebaixou en dous meses a condena a 14 anos e medio imposta en 2008 a un home, natural de Serra Leona, que residía en Marín e que violou de forma continuada ás súas fillas --ata en máis de 30 ocasións-- cando estas tiñan 13 e 14 anos.

Na sentenza condenatoria ditada no seu día dáse por probado que o home violou ás súas fillas ás que, previamente, trouxera do seu país. Segundo recolle o fallo violábaas trasladándolles que era "normal" que os pais cometesen estes actos coas súas fillas e ameazándoas con que ninguén as crerían se o contaban. Ambas sofren graves secuelas a consecuencia dos feitos, entre elas hipocondría con depresión suicida.

Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o mesmo home tamén fora sentenciado no mesmo fallo a sete anos de cárcere por cometer un delito de agresión sexual, pero o tribunal rexeitou revisar a pena porque, neste caso, a nova lei non é máis favorable ao reo.

REXEITAMENTO A OUTRAS DÚAS REVISIÓNS

As maxistradas da sección cuarta da Audiencia de Pontevedra tamén se pronunciaron noutros dous autos sobre dúas solicitudes de revisión de condenas por delitos sexuais, en aplicación da nova lei. En ambos os casos consideraron que non hai lugar á revisión das penas de prisión impostas.

Nun dos casos, o home que pedía a revisión da súa pena é un veciño de Tomiño que foi condenado a dous anos e seis meses por malos tratos habituais, a 14 anos por asasinato en grao de tentativa en concurso con violación de morada; e a 12 anos por un delito continuado de violación.

A sentenza dá por probado que o home insultara e agredido sexualmente á que era a súa parella de forma continuada durante varios meses de convivencia. Cando a relación se terminou, volveu a casa da súa exparella, que estaba embarazada de poucas semanas, e agrediuna sexualmente ademais de tentar acabar coa súa vida. A terceira solicitude que se rexeita revisar é a dun home condenado a 10 anos de cárcere por abusos sexuais á súa filla menor de idade no ano 2016.

UNHA VINTENA DE REBAIXAS

Desde a entrada en vigor da Lei Orgánica 10/2022, de 6 de setembro, de garantía integral da liberdade sexual, as audiencias provinciais galegas e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia revisaron e emitiron máis dunha trintena de decisións --tanto revisións de penas xa impostas como recursos-- referir# a condenas.

Delas, máis dunha vintena supuxeron unha rebaixa da pena dos delincuentes, mentres que no resto de ocasións, incluída a que afecta o caso do líder dos Miguelianos, foi mantida a condena porque a Lei do só si é si suporía que o xuízo se saldaría cunha pena maior que na que se puxo no seu momento.

Vítima de abusos. SAVE THE CHILDREN - Arquivo
Vítima de abusos. SAVE THE CHILDREN - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta