Pasa a prisión provisional o presunto acosador dunha moza de Sanxenxo á que tentou atropelar

Segundo informaron fontes xudiciais, a medida susténtase na "ineficacia" da pulseira de control telemático que leva o investigado para cumprir o afastamento da muller.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 27/01/2023 | Actualizada ás 17:21

Comparte esta noticia

A maxistrada do Xulgado de Instrución número 3 de Cambados, con competencias en violencia de xénero, decretou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza, para o presunto acosador dunha moza de Sanxenxo, que foi denunciado o ano pasado por tentar atropelala.

O mozo mantíñase ata agora en liberdade, á espera de xuízo, aínda que con medidas de control e afastamento da súa exmoza. Con todo, durante os últimos meses foron reiterados os quebrantamentos desta medida, polo que o Ministerio Fiscal e a representación da denunciante participaron nunha comparecencia de prisión na que a xuíza ordenou o ingreso en prisión.

Segundo informaron fontes xudiciais, a medida susténtase na "ineficacia" da pulseira de control telemático que leva o investigado para cumprir o afastamento da muller. En concreto, desde o pasado mes de xullo o dispositivo tivo que ser cambiado 15 veces debido aos danos sufridos, a última vez o pasado 21 de xaneiro.

Só dúas horas despois desta última substitución, o dispositivo volvía dar unha nova incidencia por rotura, polo que o xulgado decidiu convocar esta vista.

A maxistrada tivo en conta o risco da vítima que, apunta, "mantense, non aumentou, desde que se lle impuxo ao investigado a prohibición de comunicarse e aproximarse a ela", así como que o control telemático mediante pulseira demostrou ser "ineficiente" para cumprir este afastamento.

Do mesmo xeito, tivo en conta a presentación por parte da moza doutras tres denuncias por ameazas recibidas por correo electrónico, que se están investigando para determinar a súa autoría.

A moza denunciou hai un ano ao seu exmozo por acoso e por un intento de atropelo do que existe unha testemuña. Inicialmente levou o caso o xulgado de Instrución número 2 de Cambados, que ditou medidas de afastamento. No entanto, a Audiencia de Pontevedra ordenara posteriormente anulalas.

Tras un recurso, houbo un novo fallo no que se tipificou o caso como un posible delito de violencia de xénero e déuselle traslado ao xulgado de Instrución número 3 de Cambados, competente na materia, que ordenou reinstaurar as medidas de protección e afastamento. Con todo, estas medidas foron ineficaces e vulneráronse en reiteradas ocasións ao longo destes meses, polo que, finalmente, o acusado deberá esperar o xuízo en prisión.

Xulgados de Cambados
Xulgados de Cambados

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta