O TSXG confirma a absolución a unha acusada de estafar a unha comunidade de montes de Boiro

Fiscalía solicitaba para ela cinco anos de prisión porque, segundo sostiña, quedouse con 150.000 euros ilicitamente.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/01/2023 | Actualizada ás 16:49

Comparte esta noticia

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a absolución dunha muller acusada de estafar á comunidade de montes veciñais de Montaña, Montaño, Piñeiro e Escobias, en Boiro.

En concreto, o alto tribunal galego, nunha sentenza con data de 26 de xaneiro, desestimou o recurso interposto polos mancomunados e ratificado o fallo emitido o pasado mes de setembro pola Audiencia Provincial, que a exculpaba de delitos de falsidade, apropiación indebida e estafa.

A muller, de acordo cos feitos probados, non contaba con ningún cargo directivo na comunidade de montes pero entre os anos 2005 e 2014 adoitaba realizar diversas xestións para ela, como redactar actas e acudir ao banco para facer retiradas puntuais de diñeiro. Fiscalía solicitaba para ela cinco anos de prisión porque, segundo sostiña, quedouse con 150.000 euros ilicitamente.

Tras a absolución da Audiencia, a comunidade de montes presentou recurso de apelación ante o TSXG porque, ao seu parecer, partía dunha "errónea valoración da proba". Con todo, os maxistrados da Sala do Civil e Penal do alto tribunal galego, encabezados polo seu presidente, José María Gómez e Díaz-Castroverde, recalcan que "nada hai na sentenza apelada" que o acredite. Así, os xuíces reprochan aos recorrentes que poñan o foco en "unha inexistencia probatoria pericial tanto caligráfica como contable" que, ademais, "non se propuxeron".

Por tanto, consideran que tal insuficiencia pareceu "asumila" a propia comunidade de montes, porque xa foi constatada pola Audiencia Provincial no seu momento, a pesar do cal aplicou o principio "in dubio pro reo" e exculpou á acusada para non condenala "por conxecturas ou sospeitas". Contra esta nova sentenza de absolución aínda cabe recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

Sede do TSXG
Sede do TSXG | Fonte: Xunta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta