Formoso alerta da "situación de alarma" da produción marisqueira da Arousa e pide á Xunta "implicación"

Pediu ao goberno galego "que se poña á fronte da situación" e que habilite os recursos necesarios para analizar as causas desta baixada de produción

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/02/2023 | Actualizada ás 18:15

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, denunciou este luns o "deixamento" da Xunta ante a baixada de produción marisqueira en Arousa e reclamou que as axudas se estendan a este sector de extracción a pé, que "quedou excluído das liñas de apoio".

Así o trasladou tras manter un encontro co patrón maior da confraría de Rianxo, Miguel Igrexas, para coñecer de primeira man as preocupacións deste sector, que vive unha "situación de alarma" debido á perda de produción dos últimos anos, e aos elevados niveis de mortalidade de moluscos polo excesivo achegue de auga doce.

O líder dos socialistas galegos fíxose eco das demandas do sector extractivo, que descoñece as causas desa baixada de produción, e que ven obrigados a adiantar o paro da campaña. González Formoso pediu ao goberno galego "que se poña á fronte da situación" e que habilite os recursos necesarios para analizar as causas desta baixada de produción. Respecto diso, lamentou o "deixamento" e o "abandono" por parte da Xunta, que se reflicten, ao seu xuízo, na ausencia de axudas que amortigüen as perdas de ingresos para o marisqueo a pé.

Por outra banda, denunciou a falta de permisos de pesca expedidos pola administración autonómica, e que actualmente é de menos de 4.000 PERMEX, moi por baixo dos 6.500 que había en 2009, e menos da metade dos 8.000 que prometeu Alberto Núñez Feijóo cando era presidente da Xunta.

Así as cousas, esixiu "implicación, sensibilidade e axilidade" por parte da administración galega para que o sector coñeza canto antes as causas desta baixada de produción, contando con todos os medios científicos e económicos da Consellería do Mar.

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, durante unha visita a Rianxo para reunirse co sector de marisqueo a pé.. PSDEG-PSOE
O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, durante unha visita a Rianxo para reunirse co sector de marisqueo a pé.. PSDEG-PSOE | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta