Por E.P. | Santiago de Compostela | 14/02/2023 | Actualizada ás 12:20
A Xunta publica este martes no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria da proba para que as persoas maiores de 20 anos obteñan o título de Bacharelato na modalidade de Ciencias e nos dous itinerarios da modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais.
O prazo de presentación das solicitudes estará comprendido entre o 6 e o 15 de marzo de 2023 e o exame celebrarase o próximo 28 de abril no IES San Clemente de Santiago de Compostela. O obxectivo é que as persoas que non obtiveron esta cualificación a través dos ensinos regulados poidan contar con este título mediante a participación nunha proba libre.
Para poder participar nestas probas as persoas candidatas deberán ter 20 anos cumpridos ou cumprilos dentro do ano 2023 e non dispor deste título ou equivalente nin atoparse cursando ensinos de Bacharelato en ningún dos réximes neste curso.
Os centros nos que se poderá facer a inscrición son os Epapu Eduardo Pondal (A Coruña), Albeiros (Lugo), o de Ourense, o Río Lérez (Pontevedra) e Berbés (Vigo), así como o IES San Clemente de Santiago. As solicitudes deberán presentarse en soporte papel ou utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.