A Xunta abrirá 25 quilómetros máis de extracción de mexilla para que os 'bateeiros' poidan facer fronte á escaseza

Paralelamente, parte do sector avanzou novas mobilizacións para os próximos días.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/03/2023 | Actualizada ás 20:40

Comparte esta noticia

A Consellería do Mar acordou parte do sector --a máis representativa-- a apertura de entre 20 e 25 quilómetros adicionais de costa á extracción de mexilla --semente de mexillón-- en bancos naturais para que os 'bateeiros' poidan facer fronte á escaseza de cría rexistrada este ano. Paralelamente, parte do sector avanzou novas mobilizacións para os próximos días.

A apertura desta medida adicional, que foi analizada na tarde deste mércores polo director xeral de Pesca, Antonio Basanta e representantes das principais organizacións de produtores de mexillón de Galicia (Opmega, Amegrove e Socomgal) foi adoptada "tomando como base as propostas "razoables e viables" remitidas por estas entidades nas últimas semanas á Consellería do Mar. 

Reunión do director xeral de Pesca co tres principais organizacións da produción do mexillón. XUNTA
Reunión do director xeral de Pesca co tres principais organizacións da produción do mexillón. XUNTA | Fonte: Europa Press

"NON PERMITIREMOS QUE NOS QUITEN O PAN"

"As pedras son a nosa vida e non permitiremos que nos quiten o pan", aseguraba Álex Tubío, representante da agrupación Arousa Norte, ante 350 mexilloeiros pertencentes a 28 asociacións, concentrados en asemblea esta tarde no auditorio da Illa de Arousa (Pontevedra).

A aplaudida alusión do portavoz dos mexilloeiros referendaba a vontade exposta polos reunidos de non admitir outra solución que non sexa "a recuperación da totalidade das zonas de extracción" de mexilla que os bateeiros viñan utilizando ata 2019. Segundo manifestou Tubío, non lles "serve que a Xunta nos diga que nos vai a conceder novas zonas de extracción.

"A única solución é que se abran a totalidade das zonas prohibidas, co compromiso pola nosa banda de que non imos tocar o percebe", apostilou. Este colectivo de mexilloeiros anunciaron a súa vontade de defender ese obxectivo final "coas medidas que sexan necesarias". As directivas das asociacións reuniranse o venres 10 para determinar as mobilizacións que levarán a cabo. "Seguiremos movéndonos porque nos vai a vida niso. Non nos gusta ter que tomar medidas de presión, pero non nos queda outra. E se fai falta acampar diante de San Caetano, acamparemos", expuxo o portavoz de Arousa Norte.

RETIRADA DO DECRETO DE 2019

A asemblea de mexilloeiros tamén referendou a demanda de que a Xunta retire o decreto de 2019 que concede a xestión da explotación das zonas de extracción de mexilla ás Confrarías. "Se perdemos o control dos nosos recursos, estamos mortos", sinalo Tubío.

Os mexilloeiros aseguran que é "inconcibible" que a xestión da explotación dun recurso esencial para a súa actividade, como é a mexilla, non estea en mans do propio sector senón das Confrarías, "quen defenden principalmente aos percebeiros".

E advirten de que non se trata dunha cuestión económica. "O problema non é ter que pagarlle a cría ás Confrarías ao prezo que sexa. O problema é ter cría cando nos faga falta. E para iso somos os mexilloeiros os que temos que ter o control da explotación dos nosos recursos", indicou Álex Tubío.

REXEITAMENTO A BASANTA

As 28 asociacións reunidas na Illa decidiron non considerar como interlocutor válido ao director xeral de Pesca, Antonio Basanta. "O tema ten a suficiente magnitude e gravidade como para ser tratado co presidente Alfonso Rueda", sinalaron. Neste sentido, indicaron que en dúas ocasións solicitaron entrevistarse co presidente do Executivo galego pero non recibiron resposta algunha.

Os bateeiros tamén critican a nula receptividade ás súas propostas por parte da Xunta. "O director xeral presume de ter 20 reunións connosco, pero de todas as propostas que lle fixemos, nin unha soa foi recollida. Todo o que se fixo é o que propuxeron as Confrarías", explican.

OFENDIDOS

Os mexilloeiros aseguran sentirse ofendidos por algunhas das acusacións que sobre eles se verteu desde a Consellería de Mar. Segundo Álex Tubío, "non só non se nos dan solucións senón que se pretende culpabilizarnos do que está a pasar".

Neste sentido, os mexilloeiros rexeitan a acusación realizada desde a Xunta de que a actual escaseza de mexilla ten que ver co cambio de modelo produtivo dos bateeiros e co feito de que agora para determinados mercados estea a venderse mexillón máis pequeno, co cal non lle dá tempo a desovar.

Os mexilloeiros tamén manifestaron a súa indignación coa oferta da Xunta para extraer cría nos portos galegos. "Nos portos nunca houbo, nin hai, nin haberá mexilla", expoñen. "Co cal, ou o director xeral non ten nin idea, polo que debería dimitir do seu cargo, ou mente descaradamente".

SUBMINISTRACIÓN DE ALIMENTO

As 28 asociacións reunidas na Illa tamén manifestaron a súa preocupación polo feito de que a falta de mexilla e, por tanto, de mexillón non só pon en perigo os postos de traballo e o modo de vida de miles de familias da costa galega, senón que tamén supón un risco para a subministración alimentaria da poboación.

Segundo explicou Álex Tubío, "estamos a falar de que poden desaparecer do mercado 250.000 toneladas de alimento. E ademais trátase dun alimento que non é caro, o cal, nun momento como o actual ten aínda máis valor".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta