Inditex, un imperio que non para de crecer a pesar da guerra, a crise bancaria e a inflación

A empresa téxtil fundada por Amancio Ortega marca 'cifras récord' e supera os beneficios da prepandemia.

Por Galicia Confidencial | Galicia | 14/03/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Inditex, a maior empresa cotizada española, anunciará este mércores un beneficio neto anual de máis de 4.000 millóns de euros, superando amplamente as súas cifras prepandemia, a pesar de que no seu exercicio fiscal de 2022 deixou Rusia e renunciou así ao que fora o seu segundo mercado por número de tendas. E iso, a pesar da guerra en Ucraína, a crise bancaria e a galopante inflacción.

O conselleiro delegado de Inditex, Óscar García Maceiras, e a presidenta de Inditex, Marta Ortega, durante a primeira convocatoria da Xunta Xeral de Accionistas de Inditex
O conselleiro delegado de Inditex, Óscar García Maceiras, e a presidenta de Inditex, Marta Ortega, durante a primeira convocatoria da Xunta Xeral de Accionistas de Inditex | Fonte: Europa Press

O propietario de Zara e Massimo Dutti, entre outras marcas, difundirá o día 15 as contas do seu último exercicio fiscal, que arrincou en febreiro de 2022, cando comezou a invasión rusa de Ucraína, o que levou ao grupo téxtil fundado por Amancio Ortega -o home máis rico de España- a pechar máis de 500 tendas en Rusia.

UN 15 % MÁIS QUE O SEU RÉCORD PREPANDÉMICO

O consenso dos analistas solicitado por Bloomberg apunta a que a empresa podería pechar o ano fiscal 2022 cun beneficio neto de 4.180 millóns. De ser así, supoñería un 28,9 % máis que os 3.243 millóns gañados o exercicio anterior e un 14,8 % máis que en 2019, cando o grupo selou con 3.639 millóns o mellor ano da súa historia (ao que logo lle seguiu a fochanca da covid).

Renta4 prevé que o seu beneficio aumente un 11 % respecto ao nivel precovid e un 23 % respecto a 2021, ata alcanzar os 4.040 millóns, á vez que prognostica que as vendas roldarán os 32.495 millóns, o que tamén supoñería unha cifra récord, tras superar nun 15 % os de 2019 e nun 17,2 % os de 2021.

2023: INFLACIÓN NOS CUSTOS E SUBIDA DE SALARIOS

Haberá que estar pendentes tamén o mércores do avance que poida dar a compañía sobre a evolución das vendas no arranque deste ano e a previsión que poida facer da súa marxe bruta, tendo conta o actual contexto de elevada inflación e o acordo alcanzado en España para elevar os salarios dos seus empregados.

O mes pasado Inditex pactou cos sindicatos unha subida media salarial para o 80 % dos empregados de tenda de todas as súas marcas de entre o 20 % e o 25 %, segundo os cálculos sindicais.

Igualmente, podería dar algunha indicación de se ten intención de subir os prezos e en que medida. Durante o exercicio 2022 subiunos ao redor de "medio díxito simple", mentres tratou de manter un control "rigoroso" dos gastos operativos para que crezan menos que as vendas.

A PRIMEIRA PRESENTACIÓN SEN PABLO ISLA

Esta será a primeira presentación de resultados anuais do grupo -que conta con máis de 165.000 empregados en todo o mundo- que correrá a cargo de Óscar García Maceiras, que asumiu o cargo de conselleiro delegado de Inditex en novembro de 2021.

Ademais, será a primeira na que Marta Ortega, a filla menor de Amancio Ortega, xa ostente a presidencia non executiva do grupo, que asumiu o 1 de abril de 2022, fai xa case un ano. Así, no acto de presentación dos resultados non estará xa Pablo Isla, ata abril do ano pasado presidente de Inditex. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta