Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/03/2023 | Actualizada ás 14:23
Mais de 11.000 nenos carecen de pediatra asignado debido a que "case o 18% das prazas" do Servizo Galego de Saúde (Sergas) están vacantes ou son cubertas por médicos de familia puericultores, segundo denunciou o sindicato médico O'Mega.
Nun comunicado remitido aos medios este martes, O'Mega afirmou que das 343 prazas de pediatra que existen nos centros de saúde galegos un total de 16 están vacantes (4,6%) e 45 ocúpanas médicos de familia puericultores.
Pontevedra é a cidade onde máis descubertas están estas prazas con seis, seguida de Vigo, con 4. En Lugo e Ourense son dous, respectivamente, as vacantes e en Ferrol e Santiago hai unha en cada urbe.
Sobre a cobertura de prazas por médicos de familia, o sindicato indica que o maior número de casos danse na Coruña e en Lugo (11), seguidas de Santiago (8), Vigo (5), Ferrol (4) e Ourense e Pontevedra (3).
O'Mega entende que a situación "non só resulta prexudicial para os usuarios da asistencia pediátrica en Galicia, senón que prexudica a todo o sistema sanitario público porque os 45 médicos puericultores que ocupan prazas deseñadas para pediatras supoñen unha diminución de recursos para a asistencia primaria xeral, onde tamén faltan médicos de familia".
Por tanto, reclaman a "inmediata" cobertura de "todas" as prazas vacantes ante unha situación que, segundo advertiu, "ameaza con agravarse aínda máis coa prevista xubilación de pediatras actualmente en activo no sistema sanitario público galego".
Así mesmo, expoñen a concentración da oferta asistencial en horario matutino como vía para "optimizar" os recursos humanos dispoñibles, polo que insta ao Sergas a "non dispersar os insuficientes recursos existentes dividíndoos en quendas de mañá e tarde".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.