Por gcdeportes | Vigo | 29/01/2015 | Actualizada ás 08:47
Tras semanas de presentacións, e a pesares das queixas de Rafael Louzán, semella que xa hai data para arrincar dunha vez a reforma de Balaídos. As obras, nas bancadas de tribuna e preferencia do estadio municipal, comezarán tralo partido do Celta fronte ao Atleti do vindeiro 15 de febreiro. Os socios de preferencia serán reubicados en Río Alto para poder comezar as obras, que achegarán as bancadas a 4,5 metros do céspede.
Todo o consello de administración do Celta, liderado polo presidente Carlos Mouriño, acudiu a un novo acto de presentación co alcalde Abel Caballero, desta volta sobre o céspede de Balaídos. Club e Concello firmaron o convenio para a modernización do estadio municipal, na que o club celeste aportará nun principio 2 millóns de euros. Durante o acto, alcalde e presidente celeste amosaron a súa ledicia polos “pasos importantes” na execución do proxecto.
Os traballos nas bancadas de tribuna (terá unha nova cuberta) e de Río deberán estar rematadas a finais deste ano. En 2016 comezará a reforma das bancadas de Marcador e Gol. "A bancada de marcador vaise tirar enteira e vaise construír pegadiña ao terreo de xogo. E cando rematemos con esa obra, empezarase coa de Gol. En dous anos e medio o estadio estará rematado ao completo", asegurou o alcalde. “Ninguén podería soñar hai seis meses que hoxe estaríamos neste estado, coa obra xa imparábelmente iniciada”, indicou Abel Caballero, quen calificou ao Celta como unha “institución histórica” da cidade.
Financiamento pendente
As obras serán financiadas polo Concello de Vigo, a Deputación de Pontevedra e o propio Celta, e terán un custo total de 30 millóns. A remodelación, obra do arquitecto Pedro de la Puente, principiou xa o venres, cando noutro acto se puxo a primeira pedra dos traballos en Río, que consisten no reforzo das estruturas que sosteñen o estadio.
Foi ese acto o que motivou a queixa do presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, quen definiu como “un paripé ou montaxe de mentira" o acto simbólico protagonizado polo alcalde e o presidente do Celta, ao que non foi convidado. Louzán pediulle ao alcalde vigués que poña xa os cartos enriba da mesa. Onte, Abel Caballero rexeitou as críticas e apuntou que o convenio coa Deputación firmarase nos vindeiros días, agora que xa dispoñen do proxecto. Tamén ten pendente pechar o acordo con Zona Franca, que sufragaría a bancada de Marcador.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.