O programa galego de control da tuberculose reduce a incidencia da enfermidade case un 40%

Segundo a Xunta, Galicia conta cun programa de prevención e control da enfermidade "perfectamente estruturado, que está dotado cun sistema epidemiolóxico de vixilancia específico".

Por E.P. | VIGO | 24/03/2023 | Actualizada ás 19:28

Comparte esta noticia

O secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes Losada, participou este venres en Vigo na XXVIII Reunión Galega de Tuberculose e Infeccións Respiratorias, un encontro no que puxo en valor a consecución dos obxectivos do Programa galego de prevención e control da Tuberculose, ao lograr rebaixar a incidencia desta enfermidade nun 39,4%, se se comparan os datos do ano 2015 e do ano 2021.

Deste xeito, apuntou, a Dirección Xeral de Saúde Pública "cumpre amplamente cos obxectivos establecidos" no programa galego, no que se fixaba conseguir un descenso do 25%, na comparativa entre os datos do ano 2015 e do ano 2020.

Con motivo do Día Mundial da Tuberculose, Alberto Fuentes remarcou que Galicia conta cun programa de prevención e control da enfermidade "perfectamente estruturado, que está dotado cun sistema epidemiolóxico de vixilancia específico, e ao que hai que engadir o traballo, esforzo e coordinación dos profesionais da sanidade galega".

Nesta liña, apuntou que os datos favorables que rexistra a comunidade galega no seu control son produto de, entre outras medidas: a creación das 7 Unidades de tuberculoses, a formalización do Laboratorio de Referencia de Micobacterias de Galicia, a incorporación de equipos de traballo social; ou a creación da Comisión galega para a avaliación do manexo da tuberculose resistente a fármacos.

No acto, no que tamén participaron o xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente; e o presidente da Sociedade Galega de Patoloxía respiratoria, Alberto Fernández Villar; Fuentes Losada incidiu en que é necesario "seguir traballando de maneira coordinada", e destacou que, a pesar dos bos datos, "non se pode baixar a garda no control e prevención da enfermidade".

Neste sentido, avogou por incorporar diferentes estratexias de intervención que a completen, dunha maneira prioritaria, en catro aspectos: o mantemento da pericia clínica e de saúde pública nun período de diminución de casos; a diminución nos tempos de diagnóstico, o estudo dos contactos dos casos de tuberculose e, finalmente; na prevención do desenvolvemento da enfermidade na poboación vulnerable que vive en Galicia con infección tuberculosa.

Tuberculose.
Tuberculose.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta