Por Xurxo Salgado | Compostela | 05/02/2015 | Actualizada ás 08:00
O uso de coches oficias con fins privados ou electoralistas volve a estar de moda. Logo da campaña que o PPdeG realizou con esta cuestión antes das eleccións autonómicas do 2009, é agora este partido o que recibe esas mesmas críticas polo uso que dos vehículos oficias fan os seus altos cargos.
Así, nos últimos días coñeceuse que o secretario e vicepresidente da Mesa da Cámara, José Manuel Balseiro e Miguel Santalices, usan coche oficial a pesar de que só estaba reservado para a presidenta, qun, ademais, contratou a un chófer de substitución vinculado ao PP de Cervo. Tamén o PSdeG ven de denunciar o uso que os aínda conselleiros de Facenda e Educación, Elena Muñoz e Jesús Vázquez, respectivamente, fan dos coches oficiais en actos privados logo de ser nomeados candidatos do PP ás alcaldías de Vigo e Ourense.
E, agora é a CIG-Autonómica quen denuncia que o Director Xeral de Emerxencias, Luís Menor, utiliza un coche oficial con dous condutores ao seu servizo, nos seus desprazamentos á capital galega, a pesar da promesa de Feijóo de que os Directores e as Directoras Xerais non terían coche oficial para ir da súa localidade natal --neste caso, Ourense-- a Santiago de Compostela.
Tamén denuncia que a Directora Xeral de Familia e Inclusión “négase a compartir vehiculo” con outras persoas para ir de Ourense a Santiago de Compostela todos os días e “esixe un para elas sola”. “A Xunta de Galiza envíalle un coche todos os días a recollela dende Compostela, co seu condutor, co gasto que eso conleva”, indica esta central sindical nun comunicado.
Asemade, critica o uso que determinados xefes territoriais fan dos coches oficiais, cando segundo as declaracións do presidente Feijoo, non terían dereito a facelo. “E podemos ver todos os días como se desprazan en coches da Xunta de Galiza, para asuntos persoais en moitas ocasións”, critica.
“Xa está ben de que os traballadores e as traballadoras da Xunta de Galiza esteamos a sufrir un continuo retroceso nos nosos dereitos, para que os altos cargos do Partido Popular usen fondos públicos para a súa comodidade”, conclué CIG-Autonómica.
Pola súa banda, desde a Consellería da Presidencia destaca que o servizo de vehículo compartido implica o traslado dos altos cargos con domicilio fóra de Santiago de Compostela dende o seu domicilio ata o centro de Traballo. “O modo de compartir vehículo é de entre dous e tres cargos”, sinalan fontes deste departamento.
“No caso do servizo de vehículo compartido dende Ourense ata Santiago existen dous vehículos que trasladan a dous cargos cada un deles. Nun deles vai a directora xeral de Familia e Inclusión e o secretario xeral de Emigración e noutro o Director Xeral de Emerxencias e a directora da EGAP. Son polo tanto vehículos de carácter compartido”, insisten.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.