Ferrol incorpora motivos da Semana Santa no sinal de entrada á cidade

"Esta é desas pequenas iniciativas que contribúen a darlle visibilidade a esta celebración tan importante para Ferrol", sinalou o rexedor Ángel Mato.

Por E.P. | | 31/03/2023 | Actualizada ás 17:44

Comparte esta noticia

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato (PSOE), presentou o deseño de ua sinal de entrada á cidade naval que inclúe motivos da Semana Santa ferrolá e que será proposta ao Ministerio do Interior para a súa incorporación á rede de estradas do Estado.

O acto de presentación deste sinal desenvolveuse na mañá deste venres no consistorio, onde o rexedor estivo acompañado polo presidente da Xunta Xeral de Confrarías e Irmandades da Semana Santa, César Carreño, e o secretario desta entidade que agrupa ao cinco confrarías da cidade, Fernando Iguacel.

"Esta é desas pequenas iniciativas que contribúen a darlle visibilidade a esta celebración tan importante para Ferrol", sinalou o rexedor sobre unha imaxe que incorpora a silueta da concatedral de San Julián e a de dous confrades co seu capuchón.

O rexedor detallou que "este é o primeiro paso" para poder colocar indicacións deste tipo en vías estatais, como "xa é unha realidade noutras cidades que teñen Semanas Santas destacadas".

Se o Goberno central accede a que este sinal se incorpore ás vías de titularidade estatal, a intención do concello ferrolán é trasladar tamén a proposta á Xunta para que faga o propio coas estradas autonómicas.

DURANTE TODO O ANO

Segundo o rexedor socialista, con isto "contribuiremos a darlle maior visibilidade á Semana Santa de Ferrol como a principal Semana Santa de Galicia e unha das máis relevantes de todo o norte de España".

Pola súa banda, Carreño agradeceu ao alcalde o "esforzo" do Concello "por todo o traballo que está a facer por apoiar a Semana Santa" para a que, como remarcou, xa está "todo preparado e programado". "Agora só fai falta que o tempo acompañe", apostilou.

Presentación do sinal do Concello de Ferrol cunha imaxe da semana santa. CONCELLO DE FERROL
Presentación do sinal do Concello de Ferrol cunha imaxe da semana santa. CONCELLO DE FERROL | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta