Ethel Vázquez di que o TSXG cuestiona unha relación empresarial sobre o reparto de mercado entre Alsa e Monbus

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, insiste en que a sentenza "non cuestiona o procedemento de contratación da Consellería para a renovación das concesións".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/04/2023 | Actualizada ás 18:41

Comparte esta noticia

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, sinalou que a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) pola que ordena á Comisión Galega da Competencia a iniciar un expediente sancionador "por indicios de poder repartirse o mercado" Alsa e Monbus, "cuestiona unha relación empresarial", "en ningún momento o procedemento de contratación levado a cabo pola Xunta".

Nunha entrevista concedida a Cadea Ser Galicia e recollida por Europa Press, a conselleira insiste en que a sentenza "non cuestiona o procedemento de contratación da Consellería para a renovación das concesións"."Renováronse máis de 3.400 liñas de transporte nun proceso totalmente transparente, cumprindo escrupulosamente a lexislación vixente que tiñamos que cumprir e avalado polo Tribunal administrativo de Contratación Pública de Galicia (Tacgal)", defendeu.

Sinala tamén que a UTE (Unión Temporal de Empresas) son "un procedemento habitual e legal", pero si convén que en caso de confirmarse algunha irregularidade, correspondería unha sanción. Paralelamente, este xoves transcendía que o Xulgado Nº1 de Santiago acordaba incoar "dilixencias previas por un delito de prevaricación administrativa" contra Ignacio Maestro Saavedra, director xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia desde 2017 pola xestión das liñas de autobús.

O auto foi emitido o 27 de marzo e asinado pola maxistrada titular da citada sala Ana López-Suevos, que iniciará agora unha investigación por mor da denuncia presentada pola Asociación Empresarial de Transportes de Viaxeiros de Galicia (Galibus). Fontes da Consellería cuestionaron que nin o director nin a Xunta recibisen notificación da investigación e insisten en que a Xunta "cumpriu e segue cumprindo escrupulosamente" a normativa en relación co Plan de Transporte Público de Galicia.

FOLGA DO TRANSPORTE

Tamén respecto ao transporte de viaxeiros por estrada, Ethel Vázquez expresou o seu desexo de que as empresas poidan chegar a un acordo cos sindicatos e representantes dos traballadores para solucionar a folga.

"Estamos a falar dun problema derivado da actualización dos salarios nun contexto inflacionista que afecta a todo tipo de contratos. O que creo que procede, canto antes, é que o sector empresarial sente a negociar e consigan chegar a un acordo", comentou, apelando ademais "ao consenso e ao diálogo". Preguntada pola posibilidade de que sexa o Goberno autonómico o que medie, a conselleira sinalou que están "en diálogo permanente con ambas as partes".

TRENS AVRIL E RECONSTRUCIÓN VIADUTO

Por outra banda, a responsable autonómica de Infraestruturas mostrouse moi crítica co Goberno central, nomeadamente respecto dos prazos dos trens Avril e á reconstrución do viaduto da A-6. "Acumulamos moitísimos atrasos que están a afectar a Galicia e que impiden o que son beneficios para a Comunidade, como contar cun servizo ferroviario de baixo custo e que a día de hoxe implantar en comunidades como Andalucía", sinalou.

Para Ethel Vázquez, estes atrasos "indican que Renfe non ten ningunha présa en que cheguen os trens, e tampouco o Ministerio". "Espero que o secretario de Estado de Infraestruturas, que se comprometeu a concretar as datas en abril, as traslade. A competitividade do ferrocarril en Galicia depende de que teñamos liñas en servizo de baixo custo, que son moi atractivas para os usuarios", remarcou.

En canto á reconstrución simultánea do viaduto da A-6, lembrou que a Ministra de Transportes, Raquel Sánchez, comprometeuse con Galicia a destinar todos os recursos dispoñibles e estamos a ver todo o contrario co silencio sepulcral sobre a reconstrución simultánea. Non cumpren coa palabra dada", afeou.

Por último, sobre o futuro do corredor atlántico, dúbida de se o nomeamento do comisionado por parte do Executivo estatal para abordar o corredor trátase dunha "distracción política ou de algo concreto". "Non temos ningunha concreción. A semana pasada pedín unha reunión específica para trasladarlle as nosas necesidades", comentou.

RUEDA, "TRANQUILO"

En clave política, Vázquez Mourelle ve ao presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, como o próximo presidente de España; "unha persoa intelixente, capaz, con capacidade de xestión". Ao líder da Xunta, Alfonso Rueda, veo "totalmente tranquilo" tras o nomeamento de José Ramón Gómez Besteiro como novo delegado do Goberno en Galicia.

"Ana Pontón si que debería estar nerviosa. Nós somos un Goberno sensato, robusto, afeito a traballar conxuntamente, con total serenidade, tendo clara a folla de ruta, que é traballar por Galicia", indicou.

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez / Carlos Luján - Europa Press. / Europa Press
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez / Carlos Luján - Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta