O PSdeG denuncia a existencia 1.468 millóns sen executar do orzamento da Xunta de 2022

O portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, asegurou que no pleno que arrinca este martes poderán comprobar "se as afirmacións da Xunta con respecto dos fondos europeos son reais ou non".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/04/2023 | Actualizada ás 14:39

Comparte esta noticia

O portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, denunciou que a Xunta deixou sen gastar 1.468 millóns de correspondentes ao ano 2022 e instou ao PPdeG a explicar os motivos polos que "deixou de executar" unha contía significativa do orzamento previsto "en plena crise de prezos derivada dos efectos da pandemia e da guerra de Ucraína".

Nunha rolda de prensa ofrecida este luns na Cámara galega, Luís Álvarez asegurou que no pleno que arrinca este martes e "con estas cifras encima da mesa" poderán comprobar "se as afirmacións da Xunta con respecto dos fondos europeos son reais ou non".

Tras asegurar que Rueda presumiu de ter "moi avanzado" a repartición e execución dos 1.122 millóns de euros que a Xunta recibiu o ano pasado con cargo ao fondo de Recuperación, o dirixente socialista esixiu ao Goberno galego que demostre que as partidas chegaron aos sectores máis golpeados pola crise de Ucraína e a alza de prezos, "os que máis sofren a xestión do goberno do PP".

Neste sentido, reclamou a "concreción das cifras e o nivel real de execución" das axudas "destinadas a 700 autónomos e 370 empresas, 12 entidades do sector público, máis de 27.000 persoas, 130 organismos públicos e aos concellos galegos".

"Queremos saber se a Xunta só fai publicidade ou realmente cumpre algunha das súas promesas", reclamou Álvarez, que contrapuxo a xestión do Executivo galego coa "eficacia" do Goberno de España, que conseguiu que fose o "primeiro país en recibir o terceiro pago de 6.000 millóns de euros do fondo de Recuperación da UE".

INVESTIMENTO EN VIVENDA

Tras lamentar a "política destrutiva" do PP, a quen considera que "non lle gusta nada" que España reciba axudas da UE mentres en Galicia "fracasan na execución dos orzamentos que eles mesmos aproban", denunciou a baixa execución en materia de vivenda pública.

Así, sostivo que o Goberno galego só executou 4,5 dos 52 millóns comprometidos para o acceso á vivenda, un "exiguo 8,8 por cento". "O mesmo sucede coas axudas para rehabilitación, nas que deixou sen executar o 59 por cento dos 123 millóns inicialmente consignados, o que demostra a realidade dunha política de vivenda que non dá resposta ás necesidades dos galegos".

Por iso, reclamou "menos anuncios e máis parque de vivenda pública", así como "máis vivenda con axudas para rehabilitación". "Non serven de nada os anuncios grandilocuentes de axudas por parte da Xunta que despois non executan mentres Galicia é a Comunidade autónoma con maior déficit de vivenda pública do Estado mentres crecen os prazos dos alugueres e os intereses das hipotecas dispáranse", apuntou.

RESPOSTA DO PPDEG

Preguntado polas críticas realizadas polo parlamentario socialista, o viceportavoz do PPdeG no Parlamento galego, Alberto Pazos, asegurou que Luís Álvarez está "confundido" tendo en conta que, segundo dixo, o Goberno galego "gastou máis do orzado inicialmente" polo que "é difícil que quedasen partidas sen gastar".

"Gastouse o 100% do orzamento e parte que imputamos a déficit, porque entendemos que nun momento de dificultades faise necesario que os recursos públicos se poñan a disposición", afirmou. "O señor Álvarez está mal informado ou mal informa", incidiu o dirixente popular, que subliñou que "a Xunta non só non deixou de executar fondos" senón que "executou máis dos que estaban inicialmente orzados".

Ademais, sobre o ámbito concreto da vivenda, pediu a Álvarez que empregue a mesma "insistencia" coa execución de fondos da xunta para "falar cos responsables municipais" do PSOE nos Concellos onde o Goberno galego ten que construír para que faciliten os terreos e as autorizacións necesarias.

O portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, en rolda de prensa. PSDEG
O portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, en rolda de prensa. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta