Así é o mapa ferroviario galego: 26 horas para chegar a Valdeorras e 28 minutos da Coruña a Santiago

Galicia vai a dúas velocidades, tamén no tren. Toda a Costa da Morte, os extremos das penínsulas das Rías Baixas, a case totalidade do sector central de Galicia, todo o interior e sur da provincia de Ourense -excepto A Gudiña-, e o sector occidental de Lugo son zonas esquencidas no mapa ferroviario galego.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 11/04/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Galicia segue funcionando a dúas velocidades. Está a Galicia do Eixo Altántico e logo a outra, a do interior, a da costa menos accesible e poboada ou, sinxelamente, a Galicia esquencida... ou mellor dito, a que algúns queren esquecer. Son dúas Galicias que non compiten, sinxelamente, porque unha é a que máis ferve e a outra a que se consume.

Tempo de chegada a unha estación ferroviaria
Tempo de chegada a unha estación ferroviaria | Fonte: Informe Diego Facenda

 

E a división desa Galicia queda moi patente no mapa das infraestruturas galegas. Autovías, autoestradas, aeroportos e trens están enfocados a desafogar á Galicia máis urbanita e a esquencer á Galicia rural. E así o pon de manifesto un novo estudo que conclúe que o actual modelo de servizos ferroviarios acentúa o desequilibrio territorial de Galicia entre o Eixo Atlántico e o Interior (excepto Ourense), sendo o primeiro quen se beneficia de servizos máis frecuentes e menores tempos de viaxe e espera, mentres o resto do territorio presenta niveis de servizo moito máis baixos e tempos moito máis altos. 

 

Esta diferenza coincide tamén coa dicotomía entre o ámbito urbano (ben servido) e o rural (mal servido), habitual en Galicia e noutras zonas do interior do Estado español. Esta diferenciación supón un factor que acentúa a peor situación demográfica e socioeconómica do ámbito rural e das áreas con peores servizos, provocando, ademais, unha falta de servizos públicos básicos para satisfacer o dereito á mobilidade, o que supón un obstáculo para fomentar o transporte sustentable.

Frecuencia de trens diarios
Frecuencia de trens diarios | Fonte: Estudo de Diego Facenda

 

Así o recolle o estudo sobre a "Análise da accesibilidade da rede ferroviaria de Galicia mediante GTFS e SIG" do xeógrafo Diego Facenda López, máster en xestión e planificación territorial, que salienta que a maior parte do Eixo Atlántico e as cidades en xeral obteñen uns valores de frecuencias moito maiores ao resto do territorio. Ademais, son estes espazos urbanos os que, en xeral, obtén mellores tempos de desprazamento -tanto de viaxe como de espera-, beneficiándose das novas infraestruturas de alta velocidade.

 

EMPEORAMENTO DE SERVIZOS

 

No caso concreto de Galicia, presenciouse mesmo un empeoramento dos servizos prestados nas liñas convencionais, especialmente mediante reducións de frecuencias. Isto foi agravado pola pandemia, durante a cal se cancelaron moitos servizos pola evidente baixa demanda, que nalgúns casos aínda non se recuperaron, por exemplo, no corredor do Miño. Mesmo se chegou ao cesamento completo de liñas, como a do rexional Ourense-Poboa de Sanabria, sendo esta a única liña ferroviaria pola que non circulan na actualidade trens de viaxeiros tras a posta en marcha da nova liña de alta velocidade Zamora-Ourense en decembro de 2021.

 

"Desta maneira, as liñas convencionais non teñen tanto uso e o seu número de viaxeiros tende a manterse ou, mesmo, decrecer co tempo. Profundando máis, estes servizos non chegan a servir á poboación, pois os niveis de frecuencia ofertados son insuficientes para achegar un servizo de calidade, xa que os tempos de espera son moi longos, ao que hai que sumar tempos de viaxe non sempre competitivos", recolle o informe.

 

"Todo iso provoca que o tren non sexa un transporte a ter en conta cando existen outras maneiras de desprazarse"

 

De feito, en moitos casos, resulta difícil cadrar os horarios para realizar desprazamentos cotiáns e mesmo é imposible facer unha viaxe de ida e volta no mesmo día. "Todo iso provoca que o tren non sexa un transporte a ter en conta cando existen outras maneiras de desprazarse, reducíndose a súa utilización aos usuarios cativos", engade.

 

Deste xeito, importantes liñas con relativo potencial de uso quedan sen servizos minimamente usables. Destaca entre estas o corredor do Miño, onde se atopan algúns núcleos de poboación importantes unidos cos nodos urbanos e zonas turísticas como a Ribeira Sacra; que, con todo, apenas teñen opcións de horarios. "Así pois, o tren non é unha opción atractiva nin competitiva para esas rutas, o que supón un obstáculo na  consolidación do ferrocarril na repartición modal, e con iso, en lograr un sistema de transporte máis sustentable e inclusivo", destaca

 

A GALICIA DE DÚAS VELOCIDADES

Esta dualidade na rede provoca un gran contraste na situación do ferrocarril galego, a partir do cal se poden categorizar distintos tipos de rexións: "a Galicia conectada á rede de alta velocidade, que goza de vantaxes como menores tempos de viaxe, maior confort e mellor conectividad; a Galicia da rede convencional, con tempos de viaxe moito máis longos e posibilidades máis limitadas; e por último, a Galicia que simplemente non está conectada ao ferrocarril", suliña. 

Así, as frecuencias de conexión entre trens reproducen a grandes liñas o mesmo patrón espacial Eixo Atlántico-Interior. Dentro deste eixo costeiro, os puntos mellor conectados son as cidades e, á súa vez, as estacións secundarias obteñen valores máis altos, especialmente certos casos. A conexión a Ferrol queda novamente fóra deste patrón, con cifras próximas ás 4 horas, duplicándose para as paradas menos importantes.

 

O caso máis flagrante é o da comarca de Valdeorras, onde o tempo de conexión con Santiago sobe até as 26 horas

 

No contexto do interior galego, só A Gudiña, Ourense e a súa conexión até Monforte de Lemos obteñen valores por baixo das 3 horas na súa conexión con Santiago. O resto supera as 6 horas con certas diferenzas entre elas. O caso máis flagrante é o da comarca de Valdeorras, onde a cifra sobe até as 26 horas. É de destacar tamén que resulta imposible chegar a Santiago desde todas as estacións entre Lugo e Betanzos debido á falta de servizos que permitan realizar un transbordo.

TEMPOS

O informe destaca que a superficie servida polas estacións de ferrocarril -menos de 20 minutos de acceso en coche- é de 12.190 km², o que representa un 41% do total de Galicia. Se se reduce este valor até os 10 minutos a porcentaxe baixa até case o 14%. Así, resulta que un 86% da poboación galega atópase a menos de 20 minutos en coche dalgunha estación, 79% a menos de 15 e 68% a menos de 10 minutos. Este dato pódese precisar máis tendo en conta o nivel de servizo. Desta forma, respecto de todas as persoas servidas -2,3 millóns-, resulta que: 24% dos galegos está a menos de 20 minutos en coche dunha estación con alta frecuencia de servizos, 36% dunha con frecuencia media e 26% dunha con frecuencia baixa.

A GALICIA ESQUENCIDA

"Con todo, unha importante parte do territorio galego está cuberto considerando esta premisa de acceso á rede ferroviaria", recolle o informe. Pero quedan moitas áreas sen cubrir, algunhas especialmente lonxe de calquera estación. Dentro desta casuística está toda a Costa da Morte, os extremos das penínsulas das Rías Baixas -con alta densidade demográfica-, a case totalidade do sector central de Galicia, todo o interior e sur da provincia de Ourense -excepto A Gudiña-, e o sector occidental de Lugo.

"Resulta curioso, ademais, a falta de estacións nalgunhas liñas, que deixan importantes espazos sen servizo algún pola falta de asentamentos de poboación importantes -aínda que iso non implique que estean completamente deshabitados", apunta Diego Facenda no seu informe. É o caso do tramo entre Lalín e Santiago, pero especialmente entre Ourense e A Gudiña. Neste último caso si existían estacións na liña convencional pero xa non teñen servizos na actualidade. "Esta situación supón, fronte a décadas pasadas, unha peor vertebración de territorios especialmente sensibles ao despoboamento e a falta de dinamismo económico", sinala.

Ferrol e Lugo son as cidades galegas excluídas das novas infraestruturas de alta velocidade

"Se temos en conta a cantidade dos servizos ofertados, a situación non é tan favorable, pois case a maior parte das áreas de influencia sono respecto dunha estación con baixa frecuencia, o cal non é atractivo aos usuarios", engade. O territorio cuberto cunha frecuencia media é bastante menor, reducíndose a parte do Eixo Atlántico e a determinados espazos ao redor de estacións importantes. Por suposto, as altas frecuencias son practicamente exclusivas das cidades -e parcialmente das súas áreas metropolitanas que se benefician da súa proximidade á estación correspondente-, coa excepción de Ferrol e Lugo -as únicas, por outra banda, excluídas das novas infraestruturas de alta velocidade-.

ESTUDO

Diego Facenda analiza a accesibilidade da rede ferroviaria en Galicia a partir do uso de General Transit Feed Specification (GTFS) en ArcGIS.Este é un conxunto de arquivos de texto en formato .txt estandarizado que conteñen información específica do servizo de transporte público: as rutas, a localización das paradas, as viaxes co seu horario, as datas ou as tarifas, entre outras opcións. Ademais, existe unha versión chamada GTFS-RT (Real Time) que incorpora información actualizada en tempo real da chegada e saída dos vehículos, así como avisos e outra información (MobilityData, 2022).

Tempo que tardan os desprazamentos en tren en Galicia
Tempo que tardan os desprazamentos en tren en Galicia | Fonte: Estudo Diego Facenda
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Ferroviario

Evidentemente, a noticia das " 26 horas" de Valdeorras a Santiago está mal. Son unhas 3- 4 horas no Alvia de Coruña/Vigo a Barcelona, non 26.