A Europa dalgunha ilusión e moitas contradicións

..A felicidade do pobre parece A grande ilusão do carnaval A gente trabalha o ano inteiro Por um momento de sonho, pra fazer a fantasia De rei, ou de pirata, ou jardineira E tudo se acabar na quarta-feira…. Antonio Carlos Jobin/ Vinicius de Moraes

Por Fermín Paz | As Pontes | 19/04/2023

Comparte esta noticia
A Europa non deixa de ser unha aspiración ideolóxica de felicidade permanente tecida por dirixentes dalgúns dos países soberanos que empezaron a conformala logo da II Guerra Mundial. Unha especie de tecido mesturado de occidentalismo e dalgunhas liberdades exprimidas en canto aos dereitos sociais, de clase e nacionais polo poder de cada Estado e do sistema capitalista. Non deixa de ser unha ilusión mais non é a miña, porque o meu sentir só ten perspectiva galega e republicana. Cando se ten soberanía é posible facer algunha concesión para tentar erguer dita construción, mais cando no se ten, é necesaria a súa reclamación como cuestión fundamental. Logo desta consideración primeira que, parece moi teórica vou determe un pouco nalgunha das súas realidades, desta obra tan chamativa que as veces ata quere gabarse dunha especie de virtuosismo e inxenuidade diante do teatro do Mundo. 
 
A Europa Comunitaria é un espazo económico- político con moitas contradicións. Nel, estamos inxeridos e, como consecuencia calquera análise non debe esquecer a súa influencia e os paradoxos que están a producirse na súa xestión. Non deixa de sorprenderme o que está acontecendo en materia enerxética. Supoño que moitas máis persoas estarán na mesma situación. Atópome nunha fraga ao carón do río Eume e estou a matinar neste asunto xa que o 28 de abril algúns traballador@s xubilados, achegarémonos a Madrid ä Xunta de Accionistas de Enel-Endesa para falar destas cousas, ademais de denunciar a apropiación ilegal que nos fixo esta Empresa, en colaboración coa sección sindical e a Federación da UGT no V Convenio Colectivo, dalgún dos nosos dereitos  pactados e asinados por un valor de 515 millóns de euros e que logo da súa apropiación indebida e sen consulta aos afectados, xa foron distribuídos entre os accionistas. Non estou a falar dunha ilusión, senón dunha realidade.
 
Como é posible que Alemaña peche tres centrais nucleares e Francia está a facer a tramitación necesaria para construír seis novas?. Como se pode explicar que un terzo da electricidade que está a xerar  Alemaña supoña a reactivación das centrais para a queima de carbón, namentres noutros Estados teñan tanta presa por pechar as térmicas?. Que está a facerse diante da escaseza de gas, motivada polo embargo a Rusia? Pois levar grandes cantidades de carbón que saen do porto da Coruña rumbo a Alemaña para producir enerxía para fabricar vehículos eléctricos. Outra realidade.
 
Están a pasar varias cousas que non son doadas de sintetizar. Rusia nestes momentos (abril do 2023), é o terceiro provedor de gas do Estado Español, por detrás dos Estados Unidos e Arxelia. A primeira e principal é a seguinte: o gas ruso non é obxecto de embargo e nunca o foi desde que empezou a guerra con Ucraína. As empresas enerxéticas europeas poden comprar gas ruso libremente sen que o prohiba de maneira explícita a Unión Europea, nin Estados Unidos. En agosto do ano pasado entrou en vigor a prohibición de comprar carbón ruso e desde o pasado mes de decembro rexe o embargo do petróleo ruso que chegaba a Europa por vía marítima, medida que afecta ao 90% do petróleo que dito País exportaba aos países comunitarios. Así mesmo entrou en vigor un tope máximo de 60 dólares de barril para o petróleo importado por oleoduto. A principios de febreiro entrou en vigor tamén o embargo do diésel. O gas non foi nunca obxecto de sanción xa que a paralización total das compras podería provocar un colapso na economía europea. Outra realidade.
 
Alemaña ameaza o acordo para acabar coa venda de coches de combustión en 2035. A súa oposición esixe que se teñan en conta os combustibles sintéticos. Dita esixencia pon en risco o acordo xa pechado para que non se vendan os coches que están a funcionar con gasolina e diésel na Unión Europea. Os ministr@s reunidos no Consello, teñen que rematar co que aparentemente era unha simple formalidade: pechar o acordo xa alcanzado coas outras institucións europeas para prohibir a produción de coches de combustión a partir de 2035, un elemento crave do chamado Pacto Verde Europeo co que os 27 Estados perseguen lograr a “neutralidade climática” a metade de século. Mais, a presidencia sueca do Consello decidiu que o asunto non estará enriba da mesa. O que era só un trámite converteuse nun problema. Alemaña e Italia movéronse para ameazar con bloquear o pacto, con outros países, como Polonia ou Hungría, que se opoñen en principio aos obxectivos climáticos da Unión, co que sumarían os apoios suficientes como para frear o acordo que poñería fin á venda de coches diésel, gasolina ou híbridos en 2035. Así están as cousas.
 
Estou a rir co chamado mercado eléctrico e as súas características en cada Estado, inclusive coa protección legal fronte os monopolios. A liberalización non supuxo mellores prezos da enerxía que non comezaron a súa subida coa actual guerra na Ucraína, senón que veñen de moito antes e os movementos societarios non racharon co control case monopolístico da enerxía. A competencia que ía chegar aínda está por ver. No Estado Español o caso Endesa tiña que ter un tratamento xornalístico e de análise cando menos de tanta importancia como o caso Ferrovial. Mais os intereses foron tantos e con moitos actores políticos-económicos que foi silenciado con nocturnidade e adrede. Conformo con afirmar que tanto PSOE ,  PP, sector financeiro e empresas enerxéticas europeas e outras españolas foron as responsables e grandes beneficiadas desta operación privatizadora e o interese público, o perxudicado. Farei un recordatorio desta realidade. 
 
Endesa, empresa publica, tivo o seu primeiro intento de total privatización no 2005 coa Opa de Gas Natural e co apoio da Caixa. Despois a construtora española Acciona anunciou a compra dun 10%, co desexo de amplialo ata un 25%, todo iso grazas á axuda do Banco Santander. Máis adiante, a empresa italiana Enel, participada polo Estado italiano, comprou un 10% de Endesa e manifestou a súa intención de ampliar a súa participación un 7% adicional. E.ON, empresa alemaña que tamén quería a súa parte do pastel precisaba dun gran consenso entre o Sepi, accionistas, e Caixa Madrid que non acadou. Logo chegouse a un acordo que pon fin á Opa da eléctrica alemá, entre Enel, Acciona, e E.ON, polo que esta última retírase, a cambio de obter activos de Endesa en Francia, Italia, Polonia e Turquía, o control de Electra de Viesgo, a quinta eléctrica española, que nese momento era de Enel, e dun conxunto de centrais térmicas de Endesa. Un pouco despois chegou a modificación dos estatutos de Endesa eliminando a limitación do 10% dos dereitos dos accionistas maioritarios, que foi aprobada na Xunta Extraordinaria de Accionistas de Endesa do 25 de setembro de 2007. O 5 de outubro de 2007, a italiana Enel e a española Acciona facíanse co 92% do capital de Endesa, culminando así a operación e o acordo coa alemá E.ON. O 20 de febreiro de 2009 Acciona e Enel asinaron un contrato, previsto no acordo entre ambas, do 26 de marzo de 2007, polo que Acciona vendía as súas accións de Endesa, un 25%, a cambio dos activos de enerxías renovables de Endesa, máis 8.000 millóns de euros. Estes activos consistían en 2.105 megavatios (MW) en España e Portugal, dos que 688 MW corresponden a centrais hidráulicas. Esta operación, que obtivo o 8 de abril de 2009 a conformidade da Comisión Europea, supuxo que Enel convertésese no dono case absoluto de Endesa ao controlar directa ou indirectamente o 92% do seu capital social, poñendo fin a longa batalla polo control da maior empresa eléctrica española e colorín, colorado... 
 
E para rematar o día botei unha gargallada logo de mirar o publireportaxe baixo o título "As Pontes axita una revolución verde e diversificada" promovida polo alcalde do Concello, Presidente da Deputación da Coruña e Secretario Xeral do PSOE en Galicia, seguramente pagado con fondos públicos. A campaña electoral esixe cousas destas. 

Bandeira da UE
Bandeira da UE | Fonte: Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fermín Paz A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.