Traballadores do hospital comarcal de Verín, entre os nomes da candidatura do PP no concello

Ata tres profesionais do centro hospitalario figuran nunha lista que encabeza a popular Lara Da Silva.

Por E.P. | VERÍN | 25/04/2023 | Actualizada ás 20:48

Comparte esta noticia

O presidente do PP na provincia de Ourense, Manuel Baltar, presentou este martes pola tarde a "candidatura gañadora" do partido para gobernar Verín, que inclúe a empresarios, autónomos e ata sanitarios que traballan tanto no centro de saúde como no hospital comarcal.

A lista para as eleccións municipais do 28 de maio estará encabezada por Lara da Silva, avogada e criminóloga de 33 anos, á que Baltar se referiu como a persoa que permitirá a Verín "recuperar o tempo perdido" tras oito anos do socialista Gerardo Seoane na Alcaldía. Como número 'dous' irá Aitor Álvarez, diplomado en maxisterio en especialidade de Educación Física, e no 'tres' estará Sonia Arias, diplomada en Relacións Laborais e administradora de leiras.

Destaca a presenza de traballadores do sector sanitario na candidatura dos populares, con ata tres empregados do Hospital de Verín: Paula Gómez (no posto 6), que traballa no servizo de limpeza; Manuel Baños (posto 3 dos suplentes), celador; e Ana Belén Abuín (posto 4), enfermeira. Xunto a estes, están outros sanitarios como Benito Quiñones (9), enfermeiro e podólogo que exerce no centro de saúde, e María Luisa Valladares (17), que é médica en Verín.

"Este equipo é a alternativa que merece Verín para recuperar o tempo perdido e impulsar a gran transformación deste concello", remarcou o presidente provincial do PP, desde a sede local do partido nun acto acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.

Hospital de Verín
Hospital de Verín | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta