Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/05/2023 | Actualizada ás 12:09
Os concellos galegos terán á súa disposición axudas autonómicas para elaborar proxectos de comunidades enerxéticas que integren as renovables na actividade local.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este xoves a orde que establece os criterios de distribución destas subvencións dotadas cun orzamento de 1 millón de euros que se inclúen como fondos adicionais do Fondo de Cooperación Local (FCL).
Os municipios que impulsen ou participen nunha comunidade de renovables recibirán unha achega máxima inicial de ata 15.000 euros para cubrir ata o 100% do custo final do proxecto, segundo explicou a Xunta nun comunicado.
A dotación destínase ao financiamento dos gastos relacionados coa preparación e redacción dos proxectos técnicos, como contratos de servizos ou honorarios profesionais de arquitectura e enxeñaría para a posta en marcha da comunidade enerxética, para a execución das obras ou para a instalación dos equipamentos necesarios.
O prazo para que os concellos presente as súas solicitudes é dun mes a partir deste venres.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.