Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/05/2023 | Actualizada ás 13:39
Os traballadores dos centros de Política Social trasladaron este martes a problemática laboral que están a vivir, con falta de persoal e de medios para desenvolver o seu labor, afirman, á vez que deben facer fronte a "un novo perfil" de usuario das residencias, persoas "con patoloxías psiquiátricas", que atenden sen contar cos protocolos necesarios.
Así o explicaron os representantes do comité intercentros e do catro comités provinciais da Consellería de Política Social nunha rolda de prensa en Santiago previa a que este venres manteñan un encontro co departamento autonómico para trasladarlle as súas necesidades.
Manuel Gallardo, da CIG, lembrou que a Xunta suspendeu no ano 2012 o convenio colectivo para o persoal laboral da Administración, uns "dereitos arrebatados" que o colectivo trata de recuperar desde entón. Con todo, apuntan, "a problemática" que sofren "non é principalmente económica", se non laboral, e viuse "agravada despois da covid".
UNHA SITUACIÓN "MOI GRAVE"
Carmen Soengas, de CSIF, cualificou a situación de "moi grave" e apuntou que, coa chegada de persoas con patoloxías psiquiátricas aos centros, "a situación é insustentable". "O persoal non está adaptado a esta situación", dixo.
Pola súa banda, Nuria Tobal, de CC.OO., reclamou que a consellería "vele" polo benestar do seu persoal e incidiu en que "non hai compensación por domingos e festivos, nin por traballar quendas e noite".
O 45% dos accidentes laborais neste colectivo son "por sobreesforzo", aínda que os traballadores sinalan que "moitos accidentes están invisibilizados porque non teñen nin baixa médica". Sobre a situación de "sobrecarga" que viven, os representantes aseguraron que a Consellería de Política Social é a que presenta "máis accidentes laborais, mesmo por encima da Consellería de Medio Rural, que ten traballadores loitando contra o lume real en Galicia", destacan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.