"O tempo para a vida social é ínfimo"... así é a vida dos estudantes universitarios que traballan

O elevado prezo da compra, do alquiler e da luz fan que cada vez máis familias non poidan permitirse que os seus fillos estuden fóra da casa. Galicia Confidencial realiza unha enquisa entre o estudantado para saber como viven.

Por Águeda Cernadas | Santiago de Compostela | 14/05/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Desmotivación, apatía e falta de ilusión” así define a psicóloga, María J. Dosil Lago, aos rapaces e rapazas que acuden a súa consulta por mor das dificultades que presentan á hora de ter que conciliar traballo e estudos. 

Gráfica 2. Principais consecuencias da conciliación
Gráfica 2. Principais consecuencias da conciliación | Fonte: Galicia Confidencial

Hoxe en día estudar é máis accesible que fai uns anos pero para moitas familias segue supoñendo un esforzo económico, ao que moitas veces, é imposible facer fronte. A súbida dos prezos dos produtos, a continua tendencia a alza dos alquileres, o encarecemento da luz, entre outros, fan que moitos rapaces galegos teñan a obriga de porse a traballar mentres sacan as súas titulacións adiante. Galicia Confidencial realizou unha enquisa a arredor de 80 mozos e mozas que estudian nas diferentes universidades galegas para coñecer como se vive esta situación en primeira persoa. Nela reflexouse que máis da metade dos que responderon ás nosas preguntas, fan ambas cousas, como se pode ver no gráfico 1. Ademais o 42,9% afirma que traballa para poder costearse os estudos

Esta é unha realidade que María J. Dosil ve na súa consulta e por iso conta que gran parte da xente que acude nesta situación comeza cunha dificultade para concentrarse nos estudos e cando indaga un pouco, comeza a descubrir o que de verdade sinten. “O que máis negativamente inflúe e a sensación de desesperanza con respecto ó futuro. Sentir que non van lograr o que queren aínda que se esforcen ao máximo”, conta esta profesional da saúde mental. “Que por moito empeño que poñan en sacar os seus estudos adiante vailles a resultar moi complicado acceder ao mercado laboral e acadar un posto de traballo suficientemente remunerado para vivir dignamente” engade. 

“O que máis negativamente inflúe e a sensación de desesperanza con respecto ó futuro"

TESTEMUÑAS PERSOAIS

Os afectados comparten tamén, con Galicia Confidencial, como se sinten en primeira persoa, Luis Quintela, estudante de Xornalismo na USC, explica que “o que máis se nota é a falta de tempo. Tes que esforzarte moito máis para obter os mesmos resultados ca os teus compañeiros” . A isto Valentina Corral, tamén estudante universitaria, engade “ nos momentos nos que tiven que traballar 40 horas era moi complicado poder asistir a tódalas clases, os niveis de cansanzo para poder cumprir con ambas obrigas é moi alto”.

Gráfica 1. Condición dos enquisados
Gráfica 1. Condición dos enquisados | Fonte: Galicia Confidencial

Ante estas situacións, as universidades ofrecen unha solución á que denominan “dispensa de asistencia a clase” e que, no caso da USC, recollese na Instrucción Nº 1/2017 da Secretaría Xeral. Nela explícase que para que esta dispensa poida ser efectiva deberase acreditar que se está traballando, xa sea por conta propia ou allea, mediante por exemplo unha copia do contrato de traballo ou o xustificante de alta no Réxime de Autónomos da Seguridade Social. Pero para poder solicitala, hai un prazo establecido a principios de cada cuadrimestre polo que se a necesidade de traballar aparece fóra deste, non hai alternativa. 

Para afrontar este problema, os propios estudantes consideran que serían necesarias solucións como a flexibilidade nos horarios, a empatía e apoio por parte dos docentes e das institucións, crear modalidades de ensinanza adaptadas como por exemplo a posibilidade de ver online ou en diferido as clases ou recursos e axudas adicionais, como é a axuda económica, regular a carga de traballo ou alternativas de avaliación.

“Para manter un estado óptimo de saúde, tanto física como mental, é moi importante ter tempo de lecer e de descanso"

CONSECUENCIAS PERSOAIS

Estas son medidas que poderían evitar situacións ás que moitos se enfrontan e que teñen consecuencias moi graves para a saúde mental dos estudantes. Maria J. Dosil explica que “para manter un estado óptimo de saúde, tanto física como mental, é moi importante ter tempo de lecer e de descanso, de recuperación e desconexión das obligacións. Ademais, son fundamentales as relacións sociais, somos animales sociais, necesitamos contacto e compartir tempo cos demais e tamén é necesario tempo para un mismo se non, ao final, acábase vivindo aillado, algo que conleva a longo prazo un desgaste físico e emocional que pode derivar en problemas de saúde mental e física”

Sobre isto, alumnos universitarios, afectados por esta situación, comparten o que sinten que se están a perder, Valeria Solís, estudante de filoloxía inglesa, explica que “cando estudas e traballas tes un compromiso co tempo que lle adicas, polo que ao final o tempo restante é ínfimo para poder aplicalo á vida social, así que perdes de adicar tempo as amizades, por exemplo”. Vanessa Prato, estudante de psicoloxía, pola súa banda, di que entre as súas amizades hai máis persoas nesta situación polo que, ás veces, tardan ata máis dun mes en poder sacar tempo para coincidir todos xuntos. “Paso moitos días na sala de estudo e cando chega a noite os meus compañeiros poden adicarse a despexar a cabeza pero a min aínda me queda unha xornada laboral. Esto supón moi pouco descanso físico e mental”, explica Luis Quintela.

A súa vez estos estudantes afirman que, como relata Valentina Corral, teñen que darlle prioridade a ambas cousas posto que “co traballo costeome estar vivindo fóra da casa pero, ao depender da bolsa, teño que aprobar todo xa que o máximo de asignaturas que podo suspender é unha para poder volver a tela no seguinte ano e seguir sendo quen de facer fronte a estudar nunha cidade distinta ”. Esto pode verse tamén na enquisa (gráfico 2).

“O sistema educativo non está preparado para asumir tantos retos"

PAPEL DAS INSTITUCIÓNS

“O sistema educativo non está preparado para asumir tantos retos. A pesar dos excelentes profesionales cos que conta ,os recursos son escasos e non chegan. Nin hai suficientes educadores, nin estan formados en determinados ámbitos”, lamenta a psicóloga María J. Dosil. Engade tamén que “sería un avance importante para mellorar a saúde mental de docentes e alumnos que existira a figura do psicólogo integrada en todolos centros educativos.” 

Finalmente cabe lembrar que existen programas de axuda psicolóxica en tres universidades galegas, a Unidade de Atención Psicolóxica da USC, o programa “Afrontemos” da Universidade da Coruña e un gabinete psicopedagóxico na Universidade de Vigo. A pesar do positivo de esto e do servizo tan importante que se está a realizar, as listas de espera son longas e é necesario recalcar, que, polo menos, no caso da USC, non se atenden a alumnos cun diagnóstico previo.

Estudantes universitarios
Estudantes universitarios | Fonte: EUROPA PRESS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta