Manuel Cabezas (PP de Ourense): "A miña dignidade humana non admite ningún tipo de pacto con Jácome"

Galicia Confidencial conversa con Manuel Cabezas, candidato á alcaldía de Ourense polo PP, a menos de dúas semanas para os comicios do 28-M. Cabezas, que xa foi alcalde de 1995 a 2007, explica a súa volta á primeira liña política, analiza a situación actual da cidade e valora a crise dos audios filtrados que vive o actual rexedor ourensán, Gonzalo Pérez Jácome.

Por José Barros Blanco | OURENSE | 15/05/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

En que situación se atopa actualmente Ourense tras os últimos catro anos?

O candidato do PP á alcaldía de Ourense, Manuel Cabezas.
O candidato do PP á alcaldía de Ourense, Manuel Cabezas. | Fonte: PP DE OURENSE

Agora mesmo podo falarche de sentimentos. Como ourensán, sinto tristeza e vergoña. Fun alcalde durante 12 anos, de 1995 a 2007. Despois funme da política durante 16 anos, e nestes 16 anos non vin nunca nada igual. Dáme vergoña ver que Ourense está en boca de todo o mundo polo que está pasando estes días. A verdade é que me doe profundamente. Tamén sinto dor. Para min é moi doloroso todo o que estou vendo. Oxalá sexamos capaces de cambialo.

Despois deses 16 anos afastado de toda actividade política, por que decidiu dar o paso de volver a primeira liña da política municipal?

Teño 69 anos e é certo que moita xente pódese preguntar porque 16 anos despois dou este paso. Naqueles 12 anos nos que gobernamos con maioría absoluta, fixemos unha gran transformación de Ourense entre todos. Tanto a cidadanía de Ourense como os que viñan de fóra sentían un tremendo orgullo do progreso que vían na cidade, que se traducía nun tremendo efecto económico inmediato en todos os sectores.

16 anos despois, desgraciadamente, a cidade sufriu un deterioro tremendo en todo aquilo que se avanzara, por culpa dos sucesivos gobernos que estiveron no Concello. Nestes anos previos atopeime con moitísimos simpatizantes do partido que me dicían que isto non podía ser. Moita xente preguntábame se estaba disposto a volver. Eu politicamente non teño interese ningún en nada. Volvo por todo ese cúmulo de circunstancias.

Gustaríame recuperar todo o que tanto tempo nos costou facer naquela época, e logo marcar un rumbo en Ourense que xere unha expectativa de futuro,  porque hoxe a cidade non o ten. Hoxe a expectativa é de retroceso permanente, e iso dana á sociedade ourensá e ao seu capital social. Por iso din o paso.

Nestes 16 anos, o seu nome seguiu asociado á actualidade de Ourense, mais neste caso pola causa xudicial aberta contra vostede por presuntos delitos de malversación e prevaricación. Se ben saíu absolto o ano pasado, como afecta este proceso a súa imaxe de cara á sociedade ourensá?

Neste momento penso que teño un certificado de boa conducta: unha sentenza da Audiencia Provincial de Ourense inmaculada que me exonera de todos eses cargos. Sempre mantiven que esa querela que formulou esa persoa contra min era absolutamente infundada e inxusta, como logo se demostrou. Eu nunca xudicialicei a política, e esa causa aberta contra a miña persoa pareceume unha maneira absolutamente mesquiña de turbar a miña época como alcalde.

Porén, o que conseguiu este proceso foi reforzar o traballo inmaculado que fixen durante 12 anos. Polo medio vivín durante os oito anos que durou o proceso xudicial unha situación na que tiven problemas no meu ámbito profesional. Por iso digo que ninguén ten un certificado de boa conducta como o que podo ter eu. Porque a min miróuseme de arriba abaixo por ese procedemento.

A pasada semana presentaron o seu lema de campaña: “O cambio está nas túas mans”. Porén, os cambios non teñen que ser sempre a mellor. No caso de Ourense, por que a chegada do PP á alcaldía sería un cambio positivo?

Se alguén analiza a situación actual que estamos vivindo en Ourense e se pregunta se é o que Ourense precisa ou merece, sabe cal é a resposta sen necesidade de que eu lla diga. Traballamos aqueles 12 anos con maioría absoluta e demostramos que con esa situación no Concello e con esa maioría absoluta fomos capaces de xestionar unha transformación da cidade que todo o mundo recoñece como a máis importante que se fixo nos últimos anos.

Hoxe vemos un Concello que herdou uns remanente de tesourería, co cal contou con inxentes recursos como nunca houbera, que se están tirando, que se están dilapidando. Tiráronse os recursos económicos que Ourense tiña sen que a cidade se transforme, mellore e nin sequera utilice aqueles recursos que ten naturais, que son tremendamente importantes e necesariamente teñen que ser aproveitados para que haxa un cambio e para que o futuro económico desta cidade mellore e se transforme.

Que alguén pense se é que esta cidade non ten que ter un cambio. Indubidablemente o cambio está nas mans das persoas. Por iso digo que hai que facer un acto de conciencia, un voto intelixente, e por iso falo sempre de maiorías absolutas. O único que pido é iso, que poidamos volver facelo, porque o único que ten capacidade facelo é o Partido Popular. Somo un equipo, que eu lidero, de 27 persoas nunha lista, 14 delas con responsabilidades concretas designadas para conformar un equipo de goberno como aquel que fixen no seu día e que foi capaz de facer esa transformación.

Fala vostede de que o clima político en Ourense é insoportable por culpa do actual rexedor, Gonzalo Pérez Jácome. Se o PP, cos seus votos, foi quen lle deu a Alcaldía, é a formación que agora encabeza tamén responsable desta situación?

Eu non estaba naquel momento nin se me esperaba. O que me contan daquel momento é que no Concello de Ourense, despois das eleccións de 2019, o PSOE intentou pactar co actual partido que  goberna e aquel pacto non foi posible porque introducían nese pacto tanto a Deputación como o Concello. Entón o PP pactou naquel momento porque creu que ía achegar a parte de equilibrio que o goberno municipal nese momento necesitaba para que estes catro anos discorresen dunha maneira normal.

Cando eu chego a esta responsabilidade política, considerei que a situación era inadmisible por parte do PP no Concello e o único que fixen foi romper ese goberno de coalición. Era inaceptable, parecíame que o PP non podía traballar nesas condicións. A boa intención do PP rompeu no momento no que non puido facer o seu traballo. Non se puido facer o que querían facer (a anterior dirección local). Evidentemente a situación é irrespirable co goberno municipal e isto hai que cambialo.

A actualidade da campaña electoral está marcada de maneira clara pola filtración de audios de Jácome. Escoitou vostede a rolda de prensa do alcalde para intentar dar explicacións? Entre outras afirmacións, asegurou que se trata dun complot orquestrado por PP e PSOE contra a súa persoa.

Non estiven pendente destas cousas porque me dá moitísima vergoña oír o que se me traslada que se está a dicir. Nós non temos nada que ver con iso en absoluto, e creo que o PSOE tampouco, dígoo sinceramente. Eu non sei nin como se grava unha conversación diante dunha persoa nin unha chamada telefónica. Nunca me interesou sabelo, non é a maneira na que eu traballo. Desde logo, na vida me pasará unha cousa así, pero se nalgún momento me pasase, iríame a calquera outro sitio porque non sería capaz de poñer os pés nas rúas da cidade.

Polo que teño entendido, isto provén dos círculos que teñen no propio goberno local e das formas que eles mesmos utilizan á hora de traballar e de organizar as súas axendas. Isto nace de dentro, e non hai xustificación. Cando ti vas deixando cadáveres no camiño e te dedicas a gravar a todo o mundo, como penso que sucede nese goberno municipal, pode pasar absolutamente de todo.

Nós estamos preocupados do noso proxecto e da nosa aposta de futuro. Levamos meses escoitando á cidadanía nas rúas para que nos traslade as súas necesidades. Esas son as nosas escoitas, as de oír ao cidadán de a pé. Se algo me caracteriza é estar na rúa, escoitar á cidadanía e traballar ao seu carón. A min esta situación avergóñame, eu non me alegro de que isto saíse.

Vostede asegura e insiste que en ningún caso pactará con Jácome para intentar acadar a alcaldía. Porén, se as direccións autonómica ou provincial, instan ao PP local a pactar con Democracia Ourensá (DO), manterá esa postura?

Se iso sucedese, aínda que entendo que non vai suceder, a miña posición é esa, e non cambiará xamais, formule quen formule o que queira formular. Sei que ese caso non se vai dar, pero a miña dignidade como persoa está por enriba de calquera cousa, e non admite ningún tipo de pacto con esa persoa. Sei que ninguén no partido formulará esa opción, e aínda que alguén o fixese, o meu criterio está por enriba do de calquera outro.

Eu pregúntome, alguén pode pensar, co que estamos oíndo nestes momentos, que se pode pactar con quen hoxe goberna no Concello? Sería absolutamente imposible. Calquera que tivese a mínima dignidade persoal e humana non pode nin formular esta posibilidade. Antes de que pasara isto xa dixera que en ningún caso comigo se repetiría unha situación como a do 2019. Cando rompín o pacto de goberno, fíxeno para sempre. O escenario no que me movo é ganar as eleccións, porque as imos ganar e intentar obter a maioría absoluta, porque xa a tivemos e sabemos que iso é o mellor para Ourense.

A maioría das enquisas apuntan a que vostedes serán a formación máis votada das vindeiras eleccións, mais parece difícil que consigan a maioría absoluta. Nese escenario, existe a posibilidade de ver unha gran coalición de goberno entre PP e PSOE?

Agora mesmo só penso en conseguir a maioría absoluta, polo efecto que ten no desenvolvemento da cidade. No caso de que iso non fose así, penso que ten que gobernar a lista máis votada, O que si podo dicir é que, se eu goberno sendo a lista máis votada, agardo que co PSOE e co BNG podamos entendernos en todo aquilo que é clave para a cidade. Estou convencido que podemos dialogar porque somos persoas razoables, podemos ter pactos puntuais e específicos para poder acometer temas importantes en Ourense para o seu futuro, porque ademais é necesario.

Se pasado o 28 de maio, vostede non consegue ser o alcalde de Ourense, asumirá o papel que lle corresponda na oposición durante os vindeiros catro anos, ou volverá dar un paso atrás?

Estou convencido de que vou seguir no Concello e vou ser alcalde de Ourense porque creo que a cidadanía vai depositar en min a confianza que depositaron naqueles doce anos. Ese é o único escenario no que hoxe me movo. Estou convencido de que iso vai ser así.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta