Por gcdeportes | Compostela | 05/03/2015 | Actualizada ás 21:46
Unha participación progresiva, de menos a máis, e un salto final de 7,86 que o clasifica para a súa primeira gran final coa quinta mellor marca da clasificación. O marinense Jean Marie Okutu saltou de inicio 7,44 metros, 7,77 no segundo intento e 7,86 no terceiro e derradeiro. O atleta galego disputará, este venres ás 17.55 horas, a final dos Europeos en pista cuberta de Praga.
A organización pedía nun principio 8,00 metros para estar na final, pero ningún dos participantes acadou esa marca, polo que pasaron os oito primeiros. O que máis saltou foi o sueco Michel Tornéus, con 7,97 metros. A fase de clasificación estivo marcada pola superficie na que se celebrou a proba, que dificultou os saltos dos participantes. “Foi unha competición un pouco complicada, pola tarima flotante. Pola miña forma de correr, custoume entrar na carreira. No segundo salto mantiven os nocellos firmes e logo no terceiro quedeime coa idea do segundo e saiume un salto que eu coido normaliño, de 7,86... A ver que pasa mañá na final”, relatou Okutu na Radio Galega.
“Tiña en mente pasar á final. Agora que estamos co obxectivo cumprido, quero disfrutar, buscar unha gran marca que me dea unha boa posición”, dixo sobre a final deste venres. Ausentes os tres mellores saltadores da tempada invernal en Europa (quedou eliminado o francés Kafetien Gomis), Jean Marie Okutu apunta sobre as posíbeis opcións de acadar unha medalla: “Atópome moi ben. Teño moitas ilusións en facelo ben: se cae podio, moi ben; se non, non pasa nada. Quero estar centrado para facer unha gran marca”.
Finalistas no salto de lonxitude:
1. Michel Tornéus 7,97
2. Andreas Otterling 7,96
3. Pavel Shalin 7,94
4. Louis Tsatoumas 7,90
5. Jean Marie Okutu 7,86
6. Rain Kask 7,82
7. Alyn Camara 7,79
8. Radek Juska 7,79
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.