Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/05/2023 | Actualizada ás 18:21
O secretario xeral do Partido Comunista de España (PCE), Enrique Santiago, mostrou o seu "compromiso con potenciar o papel de Navantia no mercado internacional", ademais de "incrementar o seu desenvolvemento, facilitar a aprobación do seu plan industrial que garanta o seu futuro e crecemento para este centro de traballo". Santiago reuniuse este xoves co comité da empresa pública en Ferrol nun encontro no que tamén participaron o candidato de Ferrol en Común á Alcaldía, o exregidor Jorge Suárez, e membros da lista.
O máximo responsable do PCE, que tamén é deputado de Unidas Podemos no Congreso, aproveitou para dar o seu apoio tanto ao dique de construción de obra nova como ao de reparacións, "así como potenciar a fábrica de turbinas, que neste momento de transición enerxética e transición industrial, sen ningunha dúbida, é un factor fundamental para o desenvolvemento de toda a comarca".
Tras finalizar este encontro, Santiago incidiu que é necesario "continuar traballando para pór en marcha proxectos innovadores, como é o edificio xemelgo para realizar o traballo virtual das novas tecnoloxías que posibilita a construción naval". Pola súa banda, Suárez agradeceu a presenza en Ferrol deste deputado nacional, ademais de mostrarse a favor de "un plan estratéxico para este estaleiro, que lle dea viabilidade no futuro, máis aló dos pedidos ocasionais da Armada Española".
"O dique cuberto, ese dique de reparacións e esa garantía de que o emprego industrial vai seguir sendo o motor da comarca, con plans de formación, coa incorporación de mozas da nosa cidade, e que brinde dunha vez por todas o futuro dun centro industrial que leva moitísimos anos agardando pola súa modernización, pola estabilización da súa carteira de pedidos e por ese compromiso de acceder a un mercado internacional de garantías para poder ter un futuro na nosa comarca", remachou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.