José Manuel Rey Varela (PPdeG): "Eu non confío nos partidos. Confío nos ferroláns"

Leva oito anos agardando unha segunda oportunidade. Entón, no 2015 perdeu a súa maioría absoluta pola irrupción de Ferrol en Común tras o "tsunami" do 15M. Desde entón foi deputado no Parlamento galego e conselleiro con Feijóo.

Por Xurxo Salgado | Ferrol | 24/05/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Rey Vaela apela agora a esa "experiencia" que lle deu o Parlamento galego, a Xunta e estar na oposición. E estes comicios poden darlle esa oportunidade. Insiste na súa "independencia" e en que elexiu aos seus candidatos pola súa valía e non "por compoñendas de partido". "Isto non vai de partidos. Isto vai de elixir o alcalde de Ferrol, suliña nesta entrevista. Galicia Confidencial entrevistao na súa sede en Ferrol antes de tentar facelo co actual rexedor, o socialista Ángel Mato, que acabou deixando "tirado" a este xornalista, supostamente, por un "erro" na súa axenda a pesar das desculpas e boas palabras dos seus asesores.

José Manuel Rey Varela
José Manuel Rey Varela | Fonte: Raquel Rodríguez

 

Catro anos despois volvemos estar sentados neste mesmo despacho. Parece pouco pero xa é moito. Que pasou en Ferrol durante estes catro anos?

Pois pasou como os catro anteriores.

 

Xa sabía que me ías respostar isto...

José Manuel Rey Varela con Xurxo Salgado, director do Galicia Confidencial, nunha entrevista
José Manuel Rey Varela con Xurxo Salgado, director do Galicia Confidencial, nunha entrevista | Fonte: Raquel Rodríguez

Pois si porque tres partidos se puxeron dacordo para elixir un alcalde e ao minuto despois comezan a enfrontarse entre eles. Eu penso o que ten que primar o ferrolán por riba dos intereses de partido. Creo que ser alcalde é moi complicado e un alcalde ten que ter capacidade de decisión e por iso eu me presento.

 

Pero tamén serás consciente de que Ferrol é unha cidade difícil?

Ferrol é unha cidade que é a suma dos seus veciños que pensan de xeito diferente como en todas as partes.

 

Eu dígocho por que se ves a demografía desta cidade, a súa situación social, económica, histórica é moi complicada, moi fragmentada. Moi poucas veces houbo maiorías absolutas...

Pois eu quitei a primeira maioría absoluta desta cidade que supón ter o apoio de máis da metade dos ferroláns. E outras veces quedeime a un de ter esa maioría absoluta.

 

Entón algo pasa tamén para que logo de sacala, non a sacaras despois, non cres?

Non é cuestión de ter a continuidade, senón de que quedas a un só da maioría absoluta. E iso, obviamente, non é culpa da xente aínda que a maioría siga confiando en min. Tamén hai que lembrar que antes de ter eu esa maioría absoluta ninguén tivera tampouco doce concelleiros na historia política desta cidade. Por iso tamén estou satisfeito e, en parte, iso motivoume para volverme a presentar. Tampouco hai que esquecer que esta cidade caeu moitas veces, e tamén se levantou moitas. Aquí perdimos moitas veces, pero se falas cos ferroláns pois cren nas potencialidades das súa cidade e por iso eu estou plantexando un movemento que vaia desde a base porque son os que xeran ilusión, esperanza e os que logo poden ter a confianza maioritaria dos cidadáns.

 

E aí vou porque parece que as enquisas estanche dando outra vez esa confianza maioritaria a ti. Pero tamén lembro que hai catro anos, estando aquí, e falando do mesmo tema, esas enquisas tamén apuntaban a esa maioría absoluta que logo non se deu...

Naquel momento había catro anos de decepción e por iso eu estiven a piques de ter esa maioría absoluta que é algo excepcional nestes tempos. Pero agora houbo continuidade na decepción e o que antes eran catro, agora son oito anos de depción. Creo que moita xente aprendeu o que significa dispersar. Pero isto non significa que non vaia a pasar o mesmo e que, no canto de ter trece, volva quedar nos doce.  Por iso a miña mensaxe é que non chega con desexalo ou criticar o que pasaron estes catro anos, senón que hai que votar e se pensan que eu podo facer fronte a ese desgoberno, pois ten que votar por min. 

 

"--Co PSOE-- houbo continuidade na decepción en Ferrol e o que antes eran catro, agora son oito anos de depción"

 

Pero o que lle pediches hai catro anos non pode ser o mesmo que o que lle pides agora ou doce anos cando entraches na alcaldía...

Ofrezo a mesma ilusión pero máis experiencia, un proxecto...

 

Esa experiencia é que che deu ter pasado por tantas responsabilidades, non?. Porque desde que saíches desta alcaldía, foches deputado, conselleiro da Xunta, e líder da oposición en Ferrol...

E que atópome en plenitude de capacidades para ser alcalde de Ferrol. E síntome moito máis preparado para ser alcalde cando o fun con 35 anos. Pasaron doce anos. O último orzamento que tiven eu na Xunta era de 700 millóns de euros. O do Concello de Ferrol é de 60 millóns. Nos últimos catro anos fíxose un orzamento, só un en catro anos. Eu vou facer un orzamento en menos de 100 días. E iso é ter máis experiencia e máis determinación.

 

E ter unha maioría absoluta que cho permite...

Si. E tamén ter aprendido dos erros propios porque tamén estiven catro anos na oposición. E dos alleos tamén se prenden. Eu creo na boa vontade de todas as persoas que aspiran á alcaldía de Ferrol pero xa tiveron oito anos a confianza da xente e hai datos obxectivos que non acertaron en temas importantes da cidade.

 

E logo terás un proxecto?

Si, iso é o que che ía comentar antes tamén. Hai candidato e hai proxecto. E a diferencia de hai catro anos tamén fixen un exercicio de actualización dese proxecto. E para iso reuniume con centos de ferroláns. E saíu un novo proxecto que vai de abaixo a arriba e onde as prioridades e a temporalización está marcada pola xente e non un partido ou unha consultora. E a terceira clave é o equipo que diseñei en función de ter o mellor en cada área e non por compoñendas de partido. Quen é o mellor para Deportes?, un deportista. Quen é mellor para Cultura?, un catedrático de recoñecido prestixio na cidade. Quen é mellor para Economía?, unha economista con anos de experiencia no sector financeiro.... E o 40% da candidatura son independentes. Cando lle pasei a lista ao presidente provincial díxome: "ya veo que cumples con la paridad".

 

(Rimos) Paridade de independentes polo que parece...

Si, 40-60.

 

E de paridade vas ben, non?

Si, máis mulleres que homes. En todos os sitios nos que estiven sempre eran máis mulleres. O século XXI é o século das mulleres e o da igualdade de oportunidades. Polo tanto, haberá en Ferrol un goberno con máis mulleres que homes. 

 

Pero iso non llo podes dicir aos de Vox que igual se enfadan...

Eu non falo para partidos, falo para os ferroláns. E xa dixen que o que non puideron amañar os partidos, poden amañalo os ferroláns votando. Eu xa non confío en ningún partido.

 

No teu confiarás, non?

Eu confío máis nos ferroláns.

 

"Se me presento non é para servir ao meu partido, senón para servir aos ferroláns"

 

Que non che escoite iso Alberto Núñez Feijóo agora que é o mandamáis en Madrid. Igual lle parece mal...

Eu traballei con Alberto Núñez Feijóo. Fun o seu conselleiro. Traballei con Alfonso Rueda. Fun compañeiro del no Goberno. Nos coñecemos, ademais, dende hai moito tempo e saben que se me presento non é para servir ao meu partido, senón para servir aos ferroláns. Senón podería estar noutros destinos. Servía ao meu presidente para servir a Galicia, pero, ante todo, ao meu presidente. 

 

E que foi el quen te elexiu persoalmente?

Certo. Por iso asumiu esa responsabilidade. E o mesmo pasa se eu son alcalde. Asumo a responsabilidade das persoas que nomee. Os conselleiros traballan para o presidente e o presidente para Galicia. Os concelleiros traballan para o alcalde e o alcalde só se debe aos ferroláns.

 

Entendo que entón non se deben tampouco a un partido... En todo caso, comentabas antes que elixes ás persoas en función das súas competencias e experiencia laboral. Pero ti sabes que para estar nun concello é moi importante a xestión. Unha persoa pode ser moi boa en economía ou deportes, pero logo non saber xestionar

Efectivamente. Igual que o proxecto hai que engarzalo, pois o goberno tamén. No ámbito máis profesional son os plans estratéxicos, aínda que eu lle chame plan de cidade. E estes plans hai que facelos ben, cun equipo cohesionado que saiba das súas áreas pero iso combinalo coa xestión pública. Por iso hai unha combinación de persoas que veñen de fora da política e outros que veñen xa da xestión pública. Hai que combinar iso.  E logo outra combinación da que falaches ti, que é a de homes e mulleres. E logo outro tema que eu coidei moito, que son as idades. Eu levo xente de 20, 30, 40,50, 60 e 70 anos porque un goberno ten que ser plural xa que non pensa o mesmo un de 20 que un de 70. 

 

Falas de persoas, pero cales son os teu proxecto de cidde, os obxetivos cos que queres cambiar esta cidade?

Hai catro eixos do proxecto. O primeiro é a xeración de emprego e actividade económica, investimento público e privado e eliminación de trabas. E os cidadáns terán que elixir se queren un goberno que tarda 20 meses en dar unha licencia ou outro que tarde tres. O segundo bloque é o da atención ás persoas porque unha cidade é a suma dos seus veciños. E neste sentido, a prioridade os nosos maiores. E iso non é un problema. É unha oportunidade porque nós estamos aquí porque xeracións que viñeron antes traballaron para nós. Meus pais e os meus tíos non teñen carreira universitaria e xa non che digo os meus avós. E nós conseguimos disfrutar dunha democracia, dun sistema sanitario e comodidades que eles non tiveron. E por iso hai que hai que devolverlles o que eles nos deron. Antes había cinco comedores senior e agora pecharon os cinco. Pecharon coa pandemia e non volveron abrir. Tamén apoiar ás familias. Terceiro paquete, a igualdade de oportunidades, especialmente, en políticas de conciliación. Cuarto, persoas con capacidades diferentes e multiculturalidade que precisans atención, emprego e vivenda. Quinto; coidado e transformación da cidade e aí está a seguridade, xardíns e sexto eixo, o goberno que quedemos. E por iso é tan importante a estabilidade e non unha subasta permanente nos plenos.

 

Entón, José Manuel, porque fallou o teu goberno se, supostamente, era estable xa que tiñades a maioría absoluta?

Había unha coxuntura xeral, xa non en Ferrol, senón de todo o país. Foi a eclosión naquel momento de Podemos. Había un clima de cambio, de rechazo á política que anos despois tornou no que tornou que foi en decepción, pero naquel momento foi un tsunami. E a min faltoume un conselleiro. Eu sei moi ben o que é perder por unha manda de votos. Por iso agardo vencer prexuízos e estou convencido de que moita xente que apostou por outras opcións hai catro anos cambiarán o o seu voto porque están decepcionados e teñen esperanza.

 

"Ninguén quere falar de pactos antes das eleccións"

 

Vexo que tes moi claro o de gobernar con maioría absoluta Non está nos teus plans gobernar con outras forzas se non chegas a eses 13 concelleiros, igual con Vox, se saca algo aquí?

Ninguén quere falar de pactos antes das eleccións. Eu xa o digo con toda claridade. Os tres partidos que aspiran á alcaldía --PSdeG, BNG e Ferrol en Común-- vanse poñer de acordo un minuto para elixir ao alcalde e estar enfrontados durante catro anos. Iso é a crónica do que sucedeu hai oito anos.

 

Si, iso xo sei. Eu che pregunto se polo lado da dereita pactarías ou non?

A experiencia dos resultados indican que en Ferrol non hai máis espazo electoral máis alá dos catro que xa estamos representados. Por iso eu aspiro a unha maioría e para gobernar preciso dunha maioría. E non porque eu non queira ou non pactar, senón porque non se vai dar. E non imos falar de algo que igual non se dá.

 

Pero hai unha cuestión nisto que é que ese partido, Vox, ou outros do espectro ideolóxico che poidan roubar votos que son fundamentais para que teñas esa maioría folgada. Que lle dirías a un votante que poida decantarse por Vox, por exemplo?

Eu dígolle que o que non teñen amañado os partidos en Ferrol, imos a arranxalo os ferroláns nas urnas. Isto non vai de partidos. Isto vai de elixir o alcalde de Ferrol.

 

Agora que insistes no alcalde dos ferroláns. Que é iso de OPA Ferrol, o teu lema, para os que non son de aquí?

É un saúdo máis ferrolán. Aquí vas pola rúa e dis opa!.

 

E tamén nacho...

Si, tamén. Temos un libro magnífico de vocabulario ferrolán. Opa e nacho que son habituais neste vocabulario. Todos aquí crecemos con Opa Ferrol, Opa Racing, Opa Parrulo ou Opa Oar. De feito un base do Oar que vai na candidatura díxome que cando facían canasta o grito que tiñan era Opa Ferrol.

 

E que tamén é un lema diferente ao que vin do PP no resto de Galicia...

E que, xa che dixen, que eu débome a Ferrol.

 

Si, xa vexo que es moi "independente" dentro do PP...

Non podo negar no partido no que estou, obviamente, pero tamén veño dunha tradición de independentes do partido nesta cidade.

 

Un tema importante do que se fala aquí é o futuro de Navantia, abrir Ferrol ao mar e logo o estado da cidade que a ves moi degradada desde os últimos 20 anos. Andas pola rúa e hai unha chea de cartel de 'se vende'...

Tema Navantia estamos nun momento de oportunidades xa que comezar co proxecto das fragatas dá posibilidade e esperanza, aínda que non se está cumplindo a renovación dos asteleiros. E aquí xa sabemos que de nada serve ter dez anos bos para logo ter dez anos malos. Falta o investimento que prometeu o Goberno español. Sobre abrir Ferrol ao mar, eu, cando firmei o convenio con Defensa xa estaba isto e iso leva oito anos no caixón. E sobre o estado da cidade, si depende de nós, e hai que cambiar as trabas urbanísticas.

 

E ti pensas que só é unha cuestión urbanística?

Tamén de emprego, de servizos, de recursos. E, ao final, en vez de atraer, pois afastas á xente.

 

Falabas antes de Rueda e Feijóo. Cres que o que pase agora nestas municipais son unhas primarias para o PP a nivel galego porque isto mírase con lupa?

Claro que se mira moito isto pero non teñen que ver unhas locais, cunhas autonómicas ou xerais. E o meu resultado aquí en Ferrol non ten nada que ver co que teñan outros que se vaian presentar. A xente, afortunadamente, sabe diferenciar e sabe do que depende cada cousa. Niso temos gañado moito. E estou convencido tamén de que Alfonso Rueda vai revalidar a Xunta e Feijóo gañar en Madrid.

 

E, mira, ti que traballaches cos dous, con que aspectos te quedas dun e do outro?

De Alfonso, quedo coa normalidade e cercanía e de Alberto, a súa capacidade a súa capacidade de traballo e organización. 

 

Eran unha boa combinación?

Foron sempre unha boa combinación e tamén poden selo un como presidente da Xunta e outro como presidente de España. 

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta