Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/05/2023 | Actualizada ás 20:05
Unha treboada causou inundacións na tarde deste luns na cidade de Ourense, onde varias rúas se alagaron e a auga entrou nalgúns establecementos e garaxes. O chuvieiro iniciouse ao redor das 18,00 horas e afectou especialmente á capital ourensá, aínda que tamén se rexistraron incidencias no Carballiño e Barbadás.
Con todo, fontes do CIAE 112 Galicia trasladaron a Europa Press que non se produciron incidencias graves pola concentración de choiva caída en pouco tempo durante a tarde. No municipio de Barbadás, un condutor viuse sorprendido pola subida da auga cando circulaba por unha rotonda próxima a un centro comercial.
Finalmente, o ocupante do coche puido abandonar polos seus propios medios o interior do vehículo, segundo trasladou o CIAE 112 Galicia. En Ourense, a choiva afectou á circulación por algunhas rúas que se viron alagadas de auga, que tamén se concentrou na Ponte Romana. Algúns establecementos da cidade tiveron que pechar as súas portas para evitar a entrada de auga, que se coou en garaxes e baixos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.