Por Xurxo Salgado | A Coruña | 30/05/2023 | Actualizada ás 22:00
Galicia é sitio distinto, tamén para as dereitas "made in Madrid". Pode ser un país tradicionamente de dereitas pero dunhas dereitas "da boina" e "do birrete" na que non hai experimentos con gaseosa de dereitas que queren ser máis dereita que todas as dereitas. Por iso, Vox, a marca que ex cabreados do PP crearon para ser máis ultas que a marca orixinal, non acaba de callar en Galicia. E iso a pesar de duplicar os votos de hai catro anos.
Entón asomaban os fuciños nas municipais e levaban 9.500 votos en 13 concellos nos que non tivo representación. Catro anos despois, e cunha campaña das xerais en 2020 na que o seu líder, Santiago Abascal, sacou a pasear a súa "abueliña gallega", Vox presentou 35 candidaturas. O resultado, un pouco semellante ao de hai catro anos.
Os de Abascal, aínda que duplicaron o número de papeletas, 21.162, só conseguiron un concelleiro. Certo que entra por primeira vez nas institucións galegas coa edil conseguido no municipio ourensán de Avión, onde a lista encabezada por Lilian Cerdeira Mosquera alcanzou o 18,86% dos sufraxios.
"Estes datos veñen confirmar a tendencia imparable de crecemento do partido na comunidade galega que, aos poucos, está a facerse un oco como forza política de referencia na rexión", dicía Vox destes resultados. O de Avión foi o grande éxito, por non dicir o único, que tivo Abascal na terra da súa avoa. Un concelleiro acadado, ademais, nunha localidade cunha forte emigración e na que hai moitos retornados de México en boa situación económica.
O TOPE DE VOX
E é que Vox non pasa do 1,4% dos votos en Galicia. A nivel provincial, as 13 candidaturas rexistradas na Coruña recibiron un total de 10.911 votos, o 1,88% do global; mentres que as nove de Pontevedra recibiron o apoio de 6.796 persoas (1,37%). Pola súa banda, as nove de Ourense lograron 1.974 votos (1,11%) e as oito de Lugo, 1.481 (0,775). Nas cidades, o mellor resultado de Vox foi na Coruña co 3,92% dos votos (4.528), seguida de Pontevedra co 3,51% (1.455) e Santiago, onde 1.652 deron o seu apoio á lista encabezada por Fernando Maio.
No resto dos grandes municipios galegos, o partido quedou por baixo do 3% dos votos ao lograr 3.573 sufraxios en Vigo (2,64%), 896 en Ferrol (2,96%), 1.127 en Lugo (2,28%) e 1.004 en Ourense (1,85%).
ADEUS A CIUDADANOS
Outra formación que desaparece de Galicia é Ciudadanos. En maio de 2019 Cs saíu das eleccións locais galegas como terceira forza política, con 33 edís e máis de 45.000 votos. Conseguiu entar en consistorios importantes como foron o da Coruña, Ourense, Lugo, Pontevedra, Vilagarcía, Sanxenxo ou Ames. Pero uns meses despois, nas xerais repetidas de novembro de 2019, o partido laranxa, que chegara a facerlle sombra ao PP con máis de 50 deputados, afundiuse ata os 10 escanos.
Catro anos despois, a formación fundada por Albert Rivera desapareceu do mapa político galego. En Galicia acadaron uns poucos milleiros de votos dos 300.000 acadados en todo o Estado, moi lonxe dos 4,15 millóns que conseguiron nas xerais de 2019.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.