Por Galicia Confidencial | A Coruña | 19/03/2015 | Actualizada ás 12:00
A conselleira de Traballo, Beatriz Mato, decidiu, finalmente, non acudir ao acto de conciliación ao que fora convocada polo avogado do empresario Gerardo Crespo, o principal imputado polos cursos de formación na Operación Azetanet. Un feito que provocou que continúe o proceso e sexa incoada unha querela contra ela por supostas inxurias e calumnias.
Mato non acudiu ao Xulgado de Primeira Instancia número dous da Coruña pero fíxoo o seu representante legal para presentar un escrito no que afirma que as expresións utilizadas por ela en sede parlamentaria "non reúnen requisitos de tipo penal algún dos tipificados como delitos contra a honra".
Pero o avogado de Crespo, José Ramón Sierra, considerou “lamentable” a súa actitude. “Non só dixo que houbo unha investigación por parte da Administración sobre os cursos, senón que nos medios de comunicación dixo que os cursos de formación non se realizaron, xa que non existían en ningunha do nove comunidades. Ese é o obxecto da futurible querela", sinalou.
Ademais, destacou que foron empregadas de Caype as que puxeron en marcha a Operación Zeta, polo que "afirmar que foi a Xunta a que puxo en marcha todo o procedemento xudicial é incrible", o que reprocha a membros do Goberno autonómico.
O Xulgado de Instrución número seis da Coruña investiga o cobro de subvencións polo que imputou a trinta persoas, entre elas cargos públicos, organizacións de autónomos, fundacións e profesionais, pola suposta comisión dos delitos de fraude de subvencións ou estafa e malversación de caudais públicos, falsidade documental, suborno e branqueo de capitais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.