A polémica lei de incendios: que pasa coas famosas faixas de protección en zonas habitadas?

Os núcleos habitados non escapan aos lumes forestais. Ante isto ideouse un sistema de faixas libres de vexetación pirófila para a protección de vivendas e persoas. Propietarios de montes e expertos alegan que, dado o actual abandono rural, non hai man de obra abondo para realizar tarefas de mantemento. A Xunta implica aos propietarios como responsables de limpar as faixas e se non o fan poden ser sancionados.

Por Moncho Mariño | Santiago | 16/06/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A lei 3/2007 de Prevención de Incendios Forestais de Galicia recolle a creación dunha serie de faixas para a protección de infraestruturas (faixas primarias), núcleos habitados (faixas secundarias) e espazos forestais (faixas terciarias). Segundo o espazo que se desexe protexer, os e as propietarias de montes ou parcelas dentro das faixas de seguridade son quen deben manter limpos de plantas pirófilas eses espazos así como evitar que a vexetación medre máis de vinte centímetros.

Axentes das Brigadas de Reforzo en Incendios Forestais (BRIF)
Axentes das Brigadas de Reforzo en Incendios Forestais (BRIF) | Fonte: Europa Press

ANTEPROXECTO DE LEI

A Asociación Forestal de Galicia (AFG) en previsión do anteproxecto para a nova Lei de Loita Integral contra os Incendios Forestais, considera que se está volvendo a retomar a mesma idea da lei de 2007. “Hai un traballo excesivo nas redes ou faixas secundarias. Desde AFG consideramos que os e as propietarias non teñen por que facer labores de limpeza”, di Braulio Molina da AFG. 

Detrás destas palabras está a cuestión económica e de abandono. Non todos os propietarios poden recorrer aos servizos dunha empresa especializada en limpeza de montes. A primeira causa é o minifundismo que volve moi custoso o procedemento de limpeza. “Hai propiedades onde unha empresa de limpeza non entra, pois non ve rendible limpar". Braulio Molina sinala que a limpeza destas faixas debera ser "unha cuestión de seguridade civil, por tanto, habería que destinar un orzamento público para que a administración se faga cargo". 

A Consellería de Medio Rural, por medio da Lei 3/2007, de 9 de abril, destaca que a xestión da biomasa arredor das vivendas é unha “obriga legal dos propietarios e, de xeito subsidiario, dos concellos”. Mais "a ausencia" de propietarios no rural, o baleirado das áreas antes cultivadas tamén supón un gasto oneroso para moitos concellos rurais con orzamentos baixos.

Porén, Medio Rural “consciente das dificultades de ambos (propietarios e concellos) para cumprir a normativa puxo en marcha o Sistema Público de Xestión da biomasa nas faixas secundarias mediante o convenio de defensa das aldeas”. Alén diso, o departamento que dirixe José González sinala que “en relación coas faixas de xestión de biomasa, a normativa (a Lei 3/2007) é ben clara, cada titular é responsable da súa adecuada xestión”.

A isto último Medio Rural lembra que o 98% do territorio forestal en Galicia é privado (particulares e comunidades de montes), por tanto "consonte a lexislación vixente (Lei 7/2012 e Lei 3/2007) tanto o aproveitamento destes montes como a súa xestión corresponde aos seus titulares".

CUESTIÓNS PUNITIVAS

O anteproxecto da Lei para a protección de montes é observado pola AFG como unha montaxe para un “sistema punitivo orientado a culpabilizar a propietarios forestais e comunidades de montes, pois prevense multas punitivas” entre outros factos, di Molina. Un deles é a expropiación da superficie onde teña actuado a administración pública no caso de que o valor dos traballos de limpeza supere o valor da propiedade.

Á parte están as zonas de contacto entre o urbano e o monte onde o mantemento dos 50 metros limpos tamén recaen en particulares ou, subsidiariamente en administracións públicas. O mesmo acontece en caso de fincas dentro de áreas habitadas e que non se limparon a tempo. Aquí a administración local avisa tres veces aos propietarios que non realizaron as rozas obrigatorias nos seus predios.

Aínda que Medio Rural remarca a responsabilidade do ou da propietaria sobre as súas fincas, responde que de cara a evitar unha maior incidencia dos lumes “se establecera un sistema de parroquias priorizadas (154), sen que isto supoña ningún agravio comparativo para ninguén”. A planificación “está consensuada coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), así como os criterios de selección, que aparecen ademais recollidos en dito convenio”.

Engadido ao último, hai outros puntos do acordo coa Fegamp e Seaga que benefician os 279 concellos adheridos ao convenio entre FEGAMP e Xunta. Entre os puntos destacados está o de “financiar con cargo ao convenio até 10 hectáreas de execucións subsidiarias en franxas secundarias, sen límite no caso dos concellos designados como piloto. Tamén 10 km por concello e ano de xestión da biomasa en vías de titularidade municipal”.

Nun documento de Adega, a asociación ecoloxista consideraba que, como a Xunta se ve "obrigada a aplicar a normativa contra os incendios forestais da Lei 7/2007 de prevención de incendios forestais en canto a rozar arredor dos núcleos rurais e a xestionar a biomasa adxacente coas edificacións, aproveita isto para bautizalo co nome de “aldeas modelo”".

O esforzo económico que supón combater os incendios forestais mediante un sistema considerado por uns como “punitivo” e pouco realista e por outros como un “bo modelo”, está detrás dos debates e alegacións ao anteproxecto de Lei de Loita Integral contra os incendios forestais. Choque de intereses, novas planificacións ou novos sistemas tanto de loita como de prevención son os puntos onde chocan propietarios, asociacións e administracións para a xestión do monte e frear os lumes forestais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta