O Colexio de Xornalistas e AGARESO reiteran a súa loita contra os discursos de odio

O mércores 21 de xuño ambas organizacións mostrarán traballos de xente nova vulnerable sobre a saúde mental.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 15/06/2023 | Actualizada ás 20:43

Comparte esta noticia

O mércores 21 de xuño ás 19:00 horas, no Centro Internacional de Prensa de Galicia en Santiago de Compostela, as e os protagonistas dos proxectos Xeración Contrainfo e A Tribo compartirán os resultados acadados nunha sesión organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social, coa colaboración da Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela e o CIPG.

Mozas e mozos en risco de exclusión alertan sobre a situación da saúde mental na infancia e na adolescencia vulnerable
Mozas e mozos en risco de exclusión alertan sobre a situación da saúde mental na infancia e na adolescencia vulnerable | Fonte: Agareso

Poden as persoas vulnerables contar as súas propias historias de vida? Hai oco en Galicia para o xornalismo cidadán? O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e a Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO) organizan unha xornada dirixida a xornalistas e estudantes de comunicación, pero aberta ao público xeral, para coñecer de primeira man os resultados de dous proxectos levados a cabo por esta organización sen ánimo de lucro coa finalidade de repensar o papel da representación mediática das distintas identidades. Será o mércores 21 de xuño, ás 19.00 horas, na sede do Centro Internacional de Prensa de Galicia en Santiago (Rúa Nova, 9), coa colaboración da Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela e o CIPG.

Co obxectivo de chegar á raíz do mecanismo que xera os discursos de odio nace Xeración Contrainfo, un proxecto de Educación para o Cambio Social co financiamento da Xunta de Galicia, que pretende mellorar a alfabetización mediática do alumnado para evitar que callen os discursos emitidos polos grupos extremistas nas redes sociais e favorecendo a creación e a difusión de discursos alternativos que favorezan a empatía.

O CPXG e AGARESO coinciden en que Xeración Contrainfo presenta un bo punto de partida para falar sobre qué papel poden e deben ter as protagonistas na narración das súas propias historias de vida. Para iso, participará na sesión Diana Viveros, unha muller migrante colombiana que relatará a súa experiencia co racismo en España. Tras contactar con persoas que pertencen a colectivos que reciben discurso de odio, identificáronse tres esferas nas que máis lles afecta o discurso de odio: medios de comunicación e redes sociais, espazo público e contorna educativa.

AGARESO presentará os resultados da primeira edición desta iniciativa, que mostran un nivel elevado de racismo e machismo entre o alumnado de Educación Secundaria e cuantifica a presenza de estereotipos e de discurso de odio nos centros de ensino, describindo un imaxinario social racista existente entre a rapazada galega que outorga, de xeito consciente ou non, ás persoas brancas certas características persoais e sociais positivas.

O outro proxecto que protagonizará o encontro é A Tribo, unha experiencia de comunicación participativa deseñada por AGARESO e Igaxes que conta co apoio da Fundación “la Caixa” dende 2018. Esta terceira edición estivo capitaneada por rapazada titelada, ex-titelada, migrante ou vulnerable social ou economicamente que traballou arredor da saúde mental a partir do debate grupal, o xornalismo cidadán e a ficción audiovisual.

Estas mozas e mozos de entre 14 e 20 anos decidiron informarse sobre os principais trastornos que observan no seu día a día: a ansiedade, a depresión e as adiccións, para poder despois trasladar o aprendido ao conxunto da sociedade. Entre os froitos deste traballo hai dúas pezas xornalísticas que advirten sobre o tremendo impacto que ten na saúde mental a vulnerabilidade económica e social durante a infancia e a adolescencia. E poñen no punto de mira a carencia de recursos, a psiquiatrización, a sobremedicación e a violencia que sofren as persoas con estes trastornos por parte da sociedade e das institucións.

Desde a idea inicial ata a montaxe final foi realizada pola rapazada, que será quen expoña os traballos na sesión. Unha das participantes será Gabriela Sánchez Graña (Karma), que participou nas tres edicións da Tribo, un proxecto no que colectivos máis afastados do poder mediático toman a palabra para falar de si mesmos e que abre o debate sobre se este tipo de propostas de xornalismo cidadán teñen cabida na nosa sociedade ou se son interesantes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta