A longa sombra do caciquismo en pleno século XXI: así é a radiografía do votante galego

A Galicia rural segue tendo un gran peso na política do país. A porcentaxe de voto dos grandes partidos é do 50% no entorno rural e do 35% nas cidades. Os alcaldes rurais arrastran unha parte significativa de votos que diminúen canta máis poboación hai nos concellos. De feito, no período 2000-2020, os votos baixaron en todos os comicios (xerais, galegos, municipais e europeos) a medida que aumenta a poboación do municipio.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 27/06/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Voto clientelar e moi controlado polos alcaldes e electores fieis nos entornos rurais de menos de 10.000 habitantes. Esta pode ser a radiografía do votante medio galego no que vai de século para entender o poder e a grande implantación que que o Partido Popular ten en Galicia. Son parte das conclusións da tese "La influencia del hábitat sobre el voto. Estudio comparado de Andalucía y Galicia" de Luis Barreiro Castro no que analiza todos os procesos electorais celebrados en Andalucía e Galicia dos últimos 20 anos. 

José Luis e José Manuel Baltar nun acto político
José Luis e José Manuel Baltar nun acto político | Fonte: extraconfidencial.com

 

O autor decidiu estudar o caso de duas nacionalidades caracterizadas por ter un sistema de partido predominante, durante o período de referencia, de distinto signo político (PSOE en Andalucía e PP en Galicia). Entre as principais conclusións; que as taxas de participación son sistematicamente máis altas nos hábitats máis pequenos que nos urbanos e intermedios.

 

Por iso, entre a materia de investigación está o estudo de todos os procesos electorais celebrados en Andalucía e Galicia durante o período 2000-2020, detallando as diferenzas na participación electoral e no sentido do voto observadas cando se ten en conta os distintos hábitats. Tamén unha pesquisa do caso concreto da provincia de Ourense co fin de poder visualizar a relación entre o poder local, nos pequenos municipios, e a presenza de redes clientelares no medio rural. E, en ambos os casos,  obsérvase unha mesma pauta consistente nun apoio maior ao partido predominante nos hábitats rurais

Votación en urna nunhas eleccións
Votación en urna nunhas eleccións | Fonte: Arquivo

 

ANDALUCÍA E GALICIA

 

No caso de Andalucía, o estudo sinala que en todos os procesos electorais, a afluencia ás urnas diminúe ao aumentar a poboación dos municipios, até chegar aos englobados nas categorías cunha poboación superior a 100.000 habitantes, nos cales é maior sempre que nos municipios da categoría anterior. Pola súa banda, en Galicia, agás nas eleccións xerais nas que é similar en todos os hábitats, esta diminúe a medida que aumenta a poboación dos municipios. "Todo isto permitiu establecer unha relación, entre a participación e a poboación municipal, curvilínea no caso andaluz e lineal no galego", apunta o autor, Luis Barreiro.

 

No referente ás preferencias electorais, os datos permiten comprobar que a media de voto obtido polos partidos predominantes (PSOE de Andalucía e PP de Galicia), no período 2000-2020, decrece en todos os comicios (xerais, autonómicos, municipais e europeos) a medida que aumenta a poboación do municipio

 

A IMPORTANCIA DOS ALCALDES RURAIS PARA MANTER O PODER POLÍTICO

 

A tese fai un estudo, no caso galego, da influencia do poder local e, máis concretamente, do feito de ostentar as alcaldías municipais, nas eleccións de orde superior. Os datos obtidos permitiron constatar, por unha banda, que o goberno municipal supón unha vantaxe nas eleccións celebradas en ámbitos territoriais maiores e, por outra, que este plus electoral, derivado do control do poder local, diminúe sistematicamente a medida que aumenta a poboación dos municipios.

 

É dicir, os alcaldes rurais arrastran unha parte significativa de votos, nas eleccións non municipais, a diferenza do que ocorre cos seus homólogos das grandes cidades. Esta situación implica que a porcentaxe de voto destas formacións nestas contornas, na maioría dos casos, sitúase por encima do 50%, a diferenza do que ocorre nos grandes núcleos de poboación, onde o seu apoio electoral cífrase ao redor do 35%. Posto que se partiu dos datos dos diversos comicios celebrados, a afirmación da existencia de diferenzas electorais entre o medio urbano e o rural non deixa lugar a dúbidas.

 

Segundo o autor, estes datos encaixan dentro dun patrón clientelar. A pesar do exposto, aínda podería sosterse que as diferenzas observadas veñen causadas principalmente, non tanto pola presenza de redes clientelares, senón por un suposto carisma dos alcaldes que arrastran a unha serie de electores a votar, en todo tipo de procesos, aos candidatos da súa formación. Neste punto debe sinalarse que o clientelismo e o liderado carismático non son excluíntes, máis ben poden entenderse como fenómenos estreitamente ligados.

 

"O patrón (cacique, alcalde, etc) emerxe como un medio instrumental do que se serve a clientela para a obtención de bens aos que doutra maneira, na maioría dos casos, non tería acceso privilexiado, como poden ser cargos públicos, postos de funcionarios, contratos ou licenzas", recolle. Posto que nas contornas rurais cada voto conta, cada individuo, cada familia, ten importancia electoral, o alcalde, se quere manter o poder, debe ser capaz de atender unha serie de demandas personalizadas dos seus electores, que se transforman en clientes que intercambian os beneficios recibidos pola súa lealdade electoral. 

 

Deste xeito, nos municipios cunha poboación superior aos 10.000 habitantes, o excedente de voto derivado do control dos municipios diminúe sensiblemente con respecto aos que teñen unha poboación menor.

 

SOLUCIÓNS

 

Por iso, Barreiro aposta por varias solucións para evitar este efecto "clientelar" no voto. Entre as súas propostas, fixar en 10.000 o número mínimo de habitantes dun concello para poder votar. "Adicionalmente, a supresión do número de concellos permitiría unha redución do gasto, á vez que unha maior eficiencia na xestión dos recursos públicos derivada das economías de escala", engade. 

 

O traballo tamén mostra como as redes clientelares locais, unha vez establecidas nun ámbito territorial, poden agruparse con outras co fin de controlar institucións de ámbito superior. Neste punto, os gobernos das deputacións provinciais son un campo propicio para a súa extensión, en gran medida debido á forma en que se constitúen estes, especialmente, en lugares como Ourense.

 

"Un cambio normativo que establecese a elección directa polos cidadáns dos membros destes entes territoriais limitaría en gran medida o peso dos líderes locais. Este cambio, sen maior complexidade electoral, suporía que, nas eleccións municipais, os electores ademais de mostrar a súa preferencia para o goberno municipal faríano para o provincial", destaca.

 

Xunto a estasmedidas de reforma política, formulanse outras de carácter máis administrativo que dificulten o acceso aos bens públicos por parte das redes clientelares. Por exemplo, o de regular que os procesos selectivos se evasen a cabo de maneira periódica e conxunta, para todas as entidades locais, pola comunidade autónoma correspondente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta