O Colexio de Xornalistas está "preocupado" pola situación da CRTVG

Fai un chamamento “a traballar por impulsar un clima laboral saudábel que favoreza o exercicio do xornalismo"

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/06/2023 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia expresou a súa “grande preocupación” pola aparición de diversas noticias ao longo dos últimos días referidas a presuntas prácticas contra os traballadores dentro da Corporación Radio Televisión de Galicia nun comunicado. Ademais, tamén fai un chamamento “a traballar por impulsar un clima laboral saudábel que favoreza o exercicio do xornalismo e o dereito á información da cidadanía”.

Redacción da CRTVG, en San Marcos
Redacción da CRTVG, en San Marcos | Fonte: CRTVG.

Desde a organización explican que a publicación de informacións sobre actitudes contra o persoal “afondan na sensación de deterioración das relacións laborais no seo dos medios públicos galegos”, á que xa contribuíran outro tipo de prácticas polas que o Colexio de Xornalistas xa mostrou a súa inquietude no pasado. Para eles, esa percepción dun clima laboral prexudicial na Corporación Radio Televisión de Galicia é “unha mala noticia” para os traballadores, os poderes políticos e para a sociedade galega en xeral, “que ve ameazado así o seu dereito a unha información de calidade”.

Manifestan que o mantemento dunhas condicións laborais dignas é un requisito “indispensábel” para que os medios presten o seu necesario servizo de información á cidadanía. “Cando xornalistas son protagonistas das informacións, algo está a acontecer que impide que o seu traballo sexa o de cubrir outros asuntos que sempre deberan ser prioritarios”, finalizan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta