Denunciada unha alto cargo de Medio Rural por malversación e prevaricación na mina de San Fins

Ecoloxistas en Acción denuncia á Directora Xeral de Desenvolvemento Rural ao executar as obras da mineira como parte dun contrato público de reparación dunha estrada local. Medio Rural di que esas obras non as executa a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 13/07/2023 | Actualizada ás 12:10

Comparte esta noticia

Intensifícase o conflito na mina de San Fins, en Lousame, logo de que activistas de Ecoloxistas en Acción paralizasen esta mañá os traballos de instalación da tubaxe polo que a filial da empresa australiana Pivotal Metals pretende verter case 1000 millóns de litros anuais de drenaxes de mina con altas concentracións de metais pesados. Unha ducia de mariscadores e membros do grupo ecoloxista situáronse diante das máquinas mentres outro grupo disfrazado con caveiras botaba unha partida ao “MINApoly”, versión do popular xogo preparada para a ocasión coa que denuncian a corrupción que rodea esta polémica mina.

Acción de protesta de mariscadores e activisatas de Ecoloxistas en Acción na mina de San Fins
Acción de protesta de mariscadores e activisatas de Ecoloxistas en Acción na mina de San Fins | Fonte: remitida

Precisamente critican que as infraestruturas para efectuar as verteduras están sendo executadas como parte dunha obra pública contratada pola Consellaría de Medio Rural para o asfaltado dunha estrada local, o que desde a organización ecoloxista consideran indiciario dun presunto delito de malversación de caudais públicos e prevaricación. Por iso, esta mesma semana interpuxeron denuncia penal nos xulgados de Santiago contra a Directora Xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, logo de que varios colectivos da Plataforma comarcal contra os vertidos lle demandaran a semana pasada a suspensión das obras.

Este é a quinta causa penal que se abre en relación á mina de San Fins, xuntándose ás dilixencias que se siguen contra o ex-director xeral de minas Ángel Bernardo Tahoces, que deberá declarar en Santiago con outros funcionarios igualmente imputados, así como ás abertas contra altos cargos de Augas de Galicia e contra a propia empresa mineira e os seus administradores. En paralelo, cofradías, concellos e organizacións ecoloxistas iniciaron varios contenciosos contra a autorización de vertidos outorgada pola Xunta en febreiro, confiando en que a xustiza a suspenda cautelarmente antes de que sexa demasiado tarde.  

Logo da multitudinaria protesta que tivo lugar o pasado sábado na propia mina, Augas de Galicia anunciou que extendera ata o 12 de agosto o prazo para acabar as obras que permitirán realizar o vertido. Desde Ecoloxistas en Acción alertan que a “agostosidade” da Xunta busca desmobilizar a comarca situando o inicio dos vertidos en época vacacional, mais advirten que o “truco” non funcionará e anuncian máis mobilizacións durante o verán.

A operación das minas de San Fins foi autorizada en 2009 cun proxecto non sometido a avaliación de impacto ambiental e sen participación pública. A pesar de que a propia Xunta recoñeceu recentemente a situación ilegal da mina, Augas de Galicia outorgoulle este ano unha autorización de vertido logo de máis de sete anos de tramitación totalmente irregular. A mina está a apenas 7 km da ría de Muros e Noia e o inicio das verteduras compromete a integridade dos bancos de marisqueo dos que dependen máis de 10.000 empregos directos e indirectos.

XUNTA

Pola súa banda, a Consellería do Medio Rural, en declaracións a Galicia Confidencial, aclara que as obras obxecto de denuncia, é dicir, a instalación dunha tubaxe de desaugue incluído nun proxecto de depuración das augas da mina presente na zona, "non son da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural".

 

"Esta obra está paralizada á espera de que a empresa Tugsten San Finx finalice a súa, a cal si consiste no soterramento dunha tubaxe de desaugue que interfire claramente co pavimentado do camiño programado por Agader, xa que suporía a demolición do aglomerado", engade.  Así, di, dita obra de soterramento xa está iniciada e no momento do seu remate procederase ao inicio da obra de pavimentación do camiño.

 

"Cabe salientar que a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural ten actualmente paralizada unha obra aprobada consistente na mellora do Camiño cruce de Silvarredonda a minas de San Finx, solicitada polo concello de Lousame e enmarcada dentro do Plan de Infraestruturas Rurais", indica.

 

Dita obra consiste nunha mellora dun camiño de titularidade municipal de algo máis de 500 metros, mediante a limpeza de cunetas, bacheo e posterior pavimentado. Tamén se contempla o revestido con formigón en cunetas, así como a sinalización horizontal pertinente. Porén, non se recolle ningunha partida de entubaxe. 

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta