Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 19/07/2023 | Actualizada ás 19:18
A Xunta Electoral de Zona de Ourense arquivou a denuncia do Partido Socialista contra a Xunta por convocar o pasado 11 de xullo un acto con regadores da Limia, no que participou o presidente, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Medio Rural, José González.
Os socialistas aseguraron que se tratou dun acto "mercenario" e "ilegal" por parte do PP para "tratar de comprar vontades" dos veciños e veciñas en plena campaña electoral, "regando a comarca da Limia con subvencións" e denunciárono ante a Xunta Electoral.
Con todo, na súa resolución con data de este mércores e á que tivo acceso Europa Press, a Xunta Electoral de Zona asegura que se tratou da firma dun convenio de colaboración entre a Administración autonómica e a Comunidade de Regadoras "Nova Limia" que non tiña "finalidade electoralista" senón "unicamente informativa" polo que non supuña unha infracción da Lei orgánica de réxime electoral xeral (Loreg).
No acto, segundo informou a Xunta nun comunicado, Alfonso Rueda destacou a aposta do Goberno galego na modernización dos regadíos da Limia con 6,5 millóns de euros para a construción de 40 pozos para a captación de augas subterráneas e a súa posta en marcha.
Un "investimento importante", sinalou, que servirá para "seguir potenciando unha zona de Galicia moi potente, actualizada e cualificada en todo o que ten que ver con cultivos e, sobre todo, cultivos de futuro".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.