O PSdeG critica que a Xunta non resolva as axudas aos mariscadores afectados en xaneiro polo paro do libre marisqueo

O portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Julio Torrado, lembrou que o "grave problema" do sector está "na evidente caída de produción dos últimos anos e merece unha intervención clara e con decisión de calado" sobre a situación das rías.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/08/2023 | Actualizada ás 19:05

Comparte esta noticia

O portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Julio Torrado, demandou á Xunta que resolva "de maneira inmediata" as solicitudes de axudas por causa do paro do libre marisqueo decretado pola Consellería do Mar en xaneiro de 2023. Torrado acusou á Xunta de negar a realidade da caída da produción marisqueira "para evitar ofrecer solucións". Así, lembrou que o "grave problema" do sector está "na evidente caída de produción dos últimos anos e merece unha intervención clara e con decisión de calado" sobre a situación das rías.

"Esta difícil situación para os mariscadores necesita visión e claridade por parte do organismo máximo responsable como é o Goberno de Galicia", defendeu. Torrado explicou que unha das graves consecuencias que trae a perda de produción nótase claramente nas épocas de libre marisqueo, "onde a cantidade de produto é cada vez menor e atópanse escenarios que necesitan de peches anticipados e de necesidades de vedas para buscar a rexeneración, e por este motivo tivo que decretarse o paro da actividade extractiva".

Este paro do libre marisqueo, competencia autonómica, foi decretado en xaneiro pero non foi ata abril que a Xunta emitiu a orde que as regulaba, "esperando tres longos meses nos que o colectivo do marisqueo viviu nunha incerteza". Afean ademais que, tras ser publicadas (unhas semanas antes das eleccións municipais), o sector tivo de marxe ata o dous de xullo para solicitar e presentar toda a documentación. "É desde entón que volveu desaparecer a información e non existe concreción nin ningún dato sobre o que vai suceder, nin cando", sinala Torrado.

O responsable socialista lamentou que a Consellería leve sete meses desde o paro decretado sen dar información oficial sobre a resolución dunhas axudas "necesarias" para os traballadores do mar que, nalgúns casos, "sosteñen as economías familiares mediante créditos bancarios que deben devolver". Así, reclamoulle á Consellería que asuma a situación e comece a traballar para ofrecer solucións "atendendo ás propostas do propio sector, que leva anos reclamando dragados, o control de descargues de encoros, controis de verteduras ou un plan de rexeneración de bancos marisqueiros".

"A Xunta, que é a responsable de decretar o paro, de convocar as axudas e de resolvelas, está a provocar unha enorme inseguridade no sector que, ao problema de perda de produción das rías sobre a que o goberno galego non actúa decididamente, ten que sumar a ladaíña dos procedementos e a demora inxustificada", insistiu Torrado. Por este motivo, o Grupo Parlamentario Socialista insta tamén á Xunta a abrir unha partida especial para poder compensar aquelas perdas económicas que, debidamente xustificadas, fosen causadas aos solicitantes "por causa da inxustificada demora por parte da Xunta".

MARISCADORES
MARISCADORES | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta